A USC sitúase entre as universidades españolas con maior rendemento no indicador da investigación

Publicacións por profesor, concesións de patentes e creación de spin-offs, parámetros nos que destaca segundo o ranking CYD

Un investigador traballando nun laboratorio da USC / santi alvite

Un investigador traballando nun laboratorio da USC / santi alvite / lorena rey

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantense entre as universidades españolas con mellor taxa de rendemento nos eidos de investigación e transferencia de coñecemento, no que se refire a concesións de patentes, ingresos por licenzas, publicacións internacionais con elevado nivel de citacións e creación de spin-offs, entre outros puntos. Así se reflicte na décima edición do ranking sobre as universidades españolas que vén de publicar a Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades. Preséntanse resultados de 80 universidades, 29 ámbitos de coñecemento e 3.266 titulacións. As universidades participantes representan o 93% dos 86 centros superiores activos que imparten ensinanzas de grao incluídas no RUCT (Rexistro de Universidades, Centros e Títulos). Do total, 48 son públicas (o que supón o 100% de representatividade) e 32 privadas (o 89% do total).

Nos resultados globais das universidades, onde o ranking analiza un total de 36 indicadores, a USC ten 14 en alto rendemento, 16 en rendemento medio, 4 en baixo rendemento e dous sen datos. Ten máis indicadores en alto e intermedio rendemento que a Universidade de A Coruña (con 5 e 13 respectivamente) e a Univesidade de Vigo (12 e 12).

O eido da investigación é a dimensión na que a USC ocupa unha mellor posición. En concreto, presenta mellores rendementos no que se refire a fondos externos de investigación, artigos por profesor, impacto normalizado das publicacións e textos altamente citados. Ten seis indicadores en maior rendemento, fronte aos cinco da UVigo e tan só un da UDC.

Tamén destaca o compromiso da institución compostelá en canto á transferencia de coñecemento á sociedade, especialmente en número de patentes concedidas por profesor, establecidas con empresas, ingresos por licenzas e na creación de spin-offs. Neste caso, a USC ten catro indicadores en maior rendemento e tres en rendemento intermedio dos oito analizados. A UDC ten dous en maior rendemento e a UVigo, cinco.

No capítulo correspondente a medir a taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, o caso da USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado matriculado en titulacións de grao remata este período de formación con taxas de éxito máis altas no período de tempo normativo. As dúas restantes dimensións que analiza o ranking CYD, son a orientación internacional, onde ten maior presenza grazas ás publicacións internacionais e a contribución ao desenvolvemento rexional, onde neste punto, ten un maior rendemento en fondos de investigación.

A maiores, e como novidade, o informe tamén inclúe na súa última edición unha análise sobre parámetros referidos á inclusión, coidado da saúde e sustentabilidade. Neste senso sinala que o 99 % das universidades españolas conta cun comité, oficina ou responsable de diversidade e igualdade e ten implantadas políticas contra a discriminación e o acoso por razóns de sexo, discapacidade, orientación sexual, credo ou situación laboral.

“Sen investigación non hai transferencia de coñecemento”

O vicerreitor de Transformación Dixital da USC, Gumersindo Feijoo, destaca do ranking CYD que toca eixos da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), vixente dende o pasado mes de abril. “Pon en vigor a palabra transferencia como elemento esencial, no que se refire a transferencia de persoal tanto en grao, como mestrado e doutoramento e transferencia de coñecemento. E tras analizar os resultados do ranking vese que estamos nunha boa posición”, dixo en conversación con este medio.

Por outra banda, Feijoo puxo en valor que independetemente do ranking que se analice, “a USC sempre está entre as 10 primeiras universidades en investigación”, a pesar de que poida haber certas variacións en función da prioridade que se lle dea aos indicadores. Neste punto, sinalou que “se non hai investigación non hai transferencia de coñecemento”.

O vicereitor ten claro que un ranking público como o analizado “ten que dicir onde vamos ben e onde debemos mellorar”. Con todo, a posición lograda “era esperable”. Agora, “toca mirar cara a arriba, analizar outras universidades españolas que polo tamaño e polas características sexan similares á de Santiago e ver o espello a onde temos que ir”.