Bugallo anuncia rebaixas nos parkings e municipalizar os das prazas de Galicia e Vigo

A mellora da mobilidade é outra das promesas do candidato socialista á reelección, coa instalación de ramplas eléctricas e ascensores, unha aposta peonil no centro e carril bici

Xosé Sánchez Bugallo durante a presentación das súas novas propostas de mobilidade e aparcamento /PSDEG

Xosé Sánchez Bugallo durante a presentación das súas novas propostas de mobilidade e aparcamento /PSDEG / ana triñáns

Na xornada de onte o candidato á reelección nas votacións do vindeiro 28-M, Xosé Sánchez Bugallo, do Partido Socialista (PSdeG), fixo o anuncio dunha nova serie de medidas en canto a mobilidade, transporte público e aparcamentos.

Ademais de “recuperar para a xestión pública os aparcadoiros das prazas de Galicia e de Vigo”, cuxa concesión remata este ano, o actual alcalde dixo que “o seguinte paso será revisar os prezos de todos os demais aparcamentos facéndoos máis asequibles para a cidadanía residente e empadroada en Santiago”. Así pois, comunicou que vai abordar unha negociación coas concesionarias dos aparcamentos da cidade para conseguir unhas tarifas reducidas para todos aqueles residentes en Compostela. Todo isto, unha vez que os aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo pasen a ser xestionados pola empresa pública de transportes, Tussa, e coa conseguinte rebaixa de prezos, “ao igual que se fixo en Xoán XXIII”, lembrou o alcalde.

Unhas accións que se enmarcan nunha “nova política de aparcadoiros”, co obxectivo de facilitar que “aquelas persoas veciñas de Santiago que teñan que usar eses estacionamentos van ter unha rebaixa moi significativa do prezo que paguen”.

Unha política, a de municipalizar os aparcamentos das prazas de Galicia e de Vigo unha vez rematada a concesión que tamén puxeron sobre a mesa durante a campaña electoral as tamén candidatas á Alcaldía o 28-M, María Rozas (Compostela Aberta) e Goretti Sanmartín (BNG).

Medidas de mobilidade

Os ascensores e as ramplas son outras das medidas comúns a algunhas das formacións que concorren a estas eleccións, como PPdeG ou Por e Para Santiago. Tamén nos últimos días, Xosé Sánchez Bugallo se referiu á política de mobilidade e fixo o anuncio da instalación de elementos mecanizados, coma ramplas eléctricas ou ascensores, para permitir salvar cotas de nivel como as que se producen na conexión entre o aparcadoiro de Belvís e Virxe da Cerca, co obxectivo de dar servizo á Praza de Abastos, ou tamén nas zonas da Pastoriza e de Bispo Teodomiro.

“A nosa aposta en mobilidade ten que ser peonil no centro da cidade, transporte brando cunha rede de itinerarios ciclistas e transporte público que abrangue todo o termo municipal, non só o casco histórico”, sen que ningunha parroquia, nin núcleo, nin barrio quede sen conexión co centro, engadiu, “onde non sexa posible o transporte regular, chegaremos co transporte a demanda”. Estas propostas para solventar os problemas de mobilidade que aqueixan a cidade son o que o actual alcalde define como a “gran revolución do transporte público”, cunha licitación xa en marcha para a súa concesión xa en marcha, mais cuxa posta en marcha, previsiblemente demorará até xaneiro de 2024.

Espectativas electorais

“Eu aspiro a ser a lista máis votada o vindeiro domingo” recalcou tamén nos últimos días Sánchez Bugallo, que pide o respaldo maioritario da cidadanía para poder gobernar en solitario. Con esta intención Bugallo apela a un voto “útil e centrado” e recalca, “non só porque sexa un voto de centro, senón porque ten Santiago no centro”.

O alcalde da cidade tamén avoga por unha política de acordos e oponse a quen se presenta para que “Santiago sexa un instrumento de confrontación política con outras administracións”. “Eu sempre crin que o importante é chegar a acordos a todos os niveis”, explicou o alcalde, que insistiu en que “a confrontación só é unha opción se é imposible de evitar”.

Sánchez Bugallo recalcou que, a día de hoxe, “non hai ningunha posibilidade real de que o Partido Popular (PP) goberne esta cidade”. Cunha candidatura, a de Verea, “que está baixando cada día”, o alcalde convidou os votantes do PP a apostar por un “voto útil”.

Lexislatura

Mapa web cos logros destes catro anos

O PSdeG lanza a web interactiva santiagovai.org. O mapa recolle todas as obras realizadas polo goberno socialista durante a última lexislatura. Un web a través da que calquera cidadán poderá consultar o realizado durante estes catro anos premendo nos distintos puntos do mapa, onde se despregará a información relativa ao orzamento da obra concreta, o traballo realizado até o momento e a fase na que se atopa dito proxecto.

· 30.494.177,20 euros de orzamento total.

· 85 obras rematadas.

· 69 en construción.