Xusto Beramendi recibe a insignia de ouro dun Museo do Pobo Galego do que é historia viva
Cofundador, secretario, presidente da xunta reitora e do Padroado ata o pasado ano, o homenaxeado é unha figura fundamental na traxectoria deste centro compostelán

Concha Losada disponse a colocarlle a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego a Xusto Beramendi/Cedida / koro martínez

Se alguén merece que o Museo do Pobo Galego lle devolva en forma de recoñecemento unha mínima parte do labor realizado ao longo de toda a traxectoria deste centro, ese é sen dúbida Xusto Beramendi, unha figura da que dificilmente pode desligarse un museo do que foi un dos seus cofundadores, secretario da institución entre 1976 e 1986, presidente da xunta reitora entre 2000 e 2011 e presidente do Padroado de 2011 e 2022.
Así o sinalaron os patróns da institución museística compostelá, que durante a Asamblea do Padroado propuxeron a entrega da insignia de ouro, nunha iniciativa cunha excepcional acollida.
Xosé Antón Gómez Segade, Felipe Arias Vilas, Manuel Caamaño Suárez, Francisco Calo Lourido, Xosé Ramón Fandiño Veiga, Francisco Fariña Busto, Xosé Manuel González reboredo e Xosé Carlos Sierra Rodríguez explicaron tras a reunión asamblearia que “asumindo o consenso non escrito, pero presente sempre, de non banalizar e desvalorizar a máxima distinción do Museo do Pobo Galego que é a insignia de ouro, consideramos que as escasas medallas concedidas foron outorgadas a persoas con méritos extraordinarios como promotores da idea inicial do museo ou titulares de cargos de responsabilidade no mesmo”.
Nun encontro aberto ao público, os patróns indicaron que “todos os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso de Beramendi”, xa que “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo, concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente”.
Tiveron en conta tamén que ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no museo, e ata o último momento “levou o lema do Museo do Pobo Galego para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento, e coherente coas súas ideas, en maio de 2022, para non perpetuarse no cargo, renunciou á presidencia do Padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección” para o cargo.
De feito, e tal e como publicou este xornal, Xusto Beramendi anunciou en abril do ano pasado a súa intención de retirarse dunha institución da que el foi cofundador porque, como dixo naquel momento, “xa me retiro, xa vai sendo hora”.
No acto de recoñecemento de onte, os patróns dixeron que non era momento de expoñer outros méritos persoais, académicos ou profesionais do homenaxeado, posto que “un relato máis polo miúdo do seu brillantísimo currículo, que inclúe entre outros méritos unha Medalla Castelao (2017) e un Premio Nacional de Ensaio español (2008), resulta innecesario neste momento e lugar, pois xa se fixo hai uns meses con motivo da presentación do libro Justo Beramendi. Galego por elección, editado ao termo da súa etapa como presidente do Consello do Goberno no Museo do Pobo Galego, como mostra de gratitude e tamén de recoñecemento”.
Nado en Madrid en 1941, o historiador estivo sempre moi vinculado á cultura galega desde que no ano 1987 doctorouse en Historia na Universidade de Santiago de Compostela, institución académica na que despois exerceu como catedrático de Historia Contemporánea e na que chegaría a ocupar o cargo de vicerreitor entre os anos 1990 e 1994.
Entre as súas numerosas obras figuran estudos sobre importantes figuras do galeguismo como Vicente Risco, Manuel Murguía o Alfredo Brañas. Obtivo o Premio Nacional de Ensaio coa obra De provincia a nación: Historia del galleguismo político.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
