As actividades da Prima 23 adiadas pola chuvia celebraranse o 2, 3 e 17 de xuño

Unhas das novidades desta edición foi a ruleta de agasallos que, debido ao éxito acadado en maio, se repetirá de novo esta fin de semana

Unha das actividades da Prima 23 celebradas en maio

Unha das actividades da Prima 23 celebradas en maio / Concello

Redacción

A Festa do Comercio local Prima 23, que se celebrou o 4, 5 e 6 de maio, estivo acompañada pola chuvia, o que obrigou a suspender algunhas das actividades previstas. O Concello recupéraas agora para o venres 2 e os sábado 3 e 17 de xuño. Ademais, debido ao gran éxito que tivo, repetirase a ruleta con agasallos que, nesta ocasión, estará na praza do Toural.

O venres 2 as rúas de Fontiñas e San Pedro acollerán a partir das 18.00 horas un pasarrúas a cargo de Cé Orquestra Pantasma. Baixo este nome agóchase o vigués César Freiría, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais que leva pecorrendo toda a xeografía galega a un ritmo de máis de 150 concertos ao ano. Un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga á perfección toda unha vida musical.

O sábado 3 será o turno para outros dous pasarrúas: Os Bregadiers, que partirá ás 12.00 h de Cervantes e pasará pola zona da praza de Abastos, Mazarelos e Orfas para acabar no Toural; e The Turre’s Band, que fará o seguinte percorrido: Carreira do Conde – Xeneral Pardiñas - República Arxentina - San Pedro de Mezonzo - Casas de Ramírez - Praza Roxa. A saída será tamén ás 12.00 h.

Programa adiado da Prima 23

Programa adiado da Prima 23 / Concello

Os Bregadiers, a banda de rúa que leva en marcha por todo o país dende o ano 2016, renóvase para ofrecer unha festa soul-funk coa que non poderemos deixar de movernos. Sonidos Motown, deep-soul e funk revisitados instrumentalmente que deixan lugar á improvisación pero sempre orientados a liberar a mente para que o corpo non poida parar.

Tanto se é enriba dun escenario como en formato pasarrúas a Turre`s band son a alegría da festa. Formación de vento e percusión cun repertorio que bebe do blues, do ska, da verbena, da música balcánica...Máis de 20 anos dando festa e facéndonos vibrar en cada actuación.

Ruleta con agasallos

Unhas das novidades desta edición da Festa do Comercio local foi a ruleta de agasallos que, debido ao éxito acadado en maio, se repetirá de novo esta fin de semana. Se o mes pasado estivo na praza Roxa, nesta ocasión situarase na praza do Toural o sábado 3 de 17.00 h a 20.00 h e acompañarase da actuación do Mago Noel.

Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten un tícket de compra do comercio de Santiago de importe igual ou superior a 5 euros, realizadas entre o 29 de maio e o 3 de xuño.

Exhibición de ourivería

O programa inicial de Prima 23 recollía tamén a xa tradicional exhibición de ourivería e talla de acibeche por mestres ourives de Compostela. A actividade recupérase tamén pero neste caso celebrarase o sábado 17 de xuño na praza de Cervantes.

A Festa do Comercio local, que neste 2023 celebra a cuarta edición, busca reforzar a aposta do Concello de Santiago polo comercio local e de proximidade, así como dinamizar o consumo á vez que se lle dá unha nota de cor e alegría á cidade coas distintas actuacións e actividades programadas.