O catedrático Miguel Taín Guzmán ingresa na Academia Xacobea

O Salón Nobre do Pazo de Fonseca acollerá o acto solemne no que tomará posesión da súa acta

O catedrático Miguel Taín / Antonio Hernández

O catedrático Miguel Taín / Antonio Hernández / ecg

ECG

O director da Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da Universidade de Santiago (USC), Miguel Taín Guzmán, ingresa hoxe como membro de número da Academia Xacobea. Un acto que se desenvolve esta tarde (18.30 horas) no Salón Nobre do Pazo de Fonseca e que vai contar coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do reitor da USC, Antonio López. "A presenza do Apóstolo no altar maior da Catedral de Santiago dende o punto de vista da iconografía, do culto e dos ritos asociados á peregrinación" é o tema elixido polo catedrático de Historia da Arte para centrar o seu discurso de ingreso na institución que preside o exconselleiro da Xunta de Galicia, Xesús Palmou.

No acto solemne, no que Miguel Taín tomará posesión da súa acta, daralle a réplica ao seu discurso o tamén membro de número da academia, exdirector da Real Academia Española e exreitor da USC, Darío Villanueva. Ademais da Cátedra do Camiño, Miguel Taín Guzmán dirixe o curso de verán "Leccións Xacobeas Internacionais", que suma xa trece edicións, e ten dedicado boa parte do seu labor investigador ao estudo do Camiño xacobeo, sendo autor de case unha vintena de libros e de decenas de artigos e outras publicacións.