Máis alá do efecto CSI: as tecnoloxías de ADN teñen límites para identificar desaparecidos

Un proxecto da Unidade de Xenética Forense da USC, que recibiu 11.000 euros do Consello Social, divulgará a súa actividade e realizará seminarios para os familiares

Victoria Lareu, directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago

Victoria Lareu, directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago / XOÁN ÁLVAREZ

A xenética forense é unha ferramenta que dende os seus inicios se utiliza para a identificación de desaparecidos. Porén, a visión do público xeral sobre a xenética forense está condicionada polas series de ficción e policíacas, o que se coñece no campo como “efecto CSI”. Partindo disto, o traballo coordinado polas investigadoras María Victoria Lareu, Ana Mosquera e María del Carmen Puente Vila beneficiouse das axudas do Consello Social da USC para reflexionar “sobre novas ideas para acercar á sociedade a realidade do traballo que facemos na Unidade de Xenética Forense do Instituto de Ciencias Forenses, centrándonos nun tema de importancia para a mesma como é a identificación de persoas desaparecidas”. Así o explicou en conversa con este medio María Victoria Lareu Huidobro, catedrática e directora do Instituto de Ciencias Forenses “Luis Concheiro” da Universidade de Santiago.

O proxecto contempla dous tipos de accións para achegar a xenética forense á sociedade: o desenvolvemento de guías e material informativo e a realización de seminarios divulgativos ou de formación complementaria. “O primeiro paso será preparar dito material divulgativo, mantendo sempre a rigorosidade científica, e poñerse en contacto con profesionais e interesados que participen nas accións relacionadas coa identificación de desaparecidos en conflitos bélicos ou catástrofes naturais de cara á preparación dos seminarios”, detallou a catedrática de medicina legal e forense.

Para Lareu, a axuda do Consello Social –11.000 euros dos 50.000 totais que se reparten entre iniciativas que favorezan a colaboración entre a contorna universitaria e a social a través de accións que contribúan á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria e ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia– supón a financiación necesaria para levar a cabo o proxecto que propoñen, polo que asegura a súa consecución. Para o equipo de investigación que dirixe Lareu a divulgación “é unha parte esencial da súa labor científica, aínda que normalmente as actividades divulgativas están principalmente dirixidas a expertos no campo, polo que esta resolución favorable foi acollida con moito ánimo de aplicarse no proxecto e aproveitar ó máximo esta oportunidade”, destacou.

Con todo, o principal resultado deste proxecto será a elaboración e distribución entre os interesados do material divulgativo, e os seminarios e actividades formativas relacionadas coa xenética forense, en xeral, e a identificación de persoas en particular. “Como resultado deste contacto e sinerxía coa sociedade esperamos que ambas partes se beneficien”, manifestou.

A catedrática de medicina legal e forense reitera que as accións divulgativas van dirixidas á sociedade xeral, onde se inclue ao estudantado, “pero en particular aos familiares que buscan desaparecidos e ós profesionais que traballan nos equipos interdisciplinarios (sistema xudicial, asociacións...) de identificación de desaparecidos”. Isto facilitará a súa formación complementaria e axudará a que se manteñan actualizados sobre as novas tecnoloxías de ADN.

A visión da sociedade sobre os laboratorios de xenética forense

Aínda que a Unidade de Xenética Forense da USC ten moita sona no seu campo de traballo, non só dentro da xenética forense, senón tamén nos aspectos relacionados no sistema xudicial e corpos de seguridade a nivel nacional e internacional, as investigadoras teñen a percepción de que isto queda máis ó marxe da sociedade. Ademais, precisamente por ese “efecto CSI” non é habitual que o público coñeza as limitacións das tecnoloxías de ADN. Desta maneira, entre os obxectivos deste traballo, apostan por “conseguir unha visión real dos procesos que levan a cabo na xenética forense, principalmente no caso das identificacións de restos cadavéricos a través de familiares, para dar a coñecer tanto as posibilidades que ofrece o noso campo coma as limitacións, que se afastan das series de televisión”.

A análise do ADN dá a clave para identificar a unha persoa?

Sobre esta cuestión, Victoria Lareu detalla que a identificación de desaparecidos realízase mediante unha abordaxe multidisciplinar na que as diferentes ciencias realizan a súa aportación: historiadores, arqueólogos, médicos forenses, antropólogos, etc. “O traballo do laboratorio de xenética forense sería un dos últimos pasos no proceso e, dependendo dos resultados, pode ser a resposta definitiva pero, en termos xerais, a información obtida intégrase coa aportada polas demais ciencias para minimizar as limitacións de cada unha delas”, explicou en detalle.