Aberto ata o 8 de xuño o prazo para solicitar bolsas de iniciación á investigación nos centros singulares da USC

As bolsas terán un mes de duración e teñen como obxectivo atraer estudantado interesado en realizar prácticas extracurriculares no marco dun proxecto

Un investigador traballando nun laboratorio da USC

Un investigador traballando nun laboratorio da USC / Santi Alvite

ECG

Os centros singulares de investigación da USC en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), así como o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, acaban de convocar bolsas de verán para a iniciación á investigación e atraer estudantado interesado en realizar prácticas formativas extracurriculares no marco dun proxecto.

As persoas beneficiarias adquirirán coñecementos e destrezas na área temática do seu proxecto e, así mesmo, participarán nas actividades científicas do centro correspondente.

As bolsas terán unha duración dun mes e están dotadas dunha axuda xeral, así como dunha axuda específica para gastos de desprazamento para alumnado residente fóra de Santiago.

As persoas solicitantes deberán cumprir os requirimentos de titulación establecidos na convocatoria e posuír unha nota media mínima de 8 sobre 10, alén de ter superado polo menos o 55% dos créditos da titulación.

O expediente abranguerá o 70% da valoración obtida, xunto co currículo (20%) e a carta de presentación (10%). O prazo de presentación de solicitudes a través da sede electrónica pode formalizarse ata o 8 de xuño.

En total, ofértanse 14 bolsas para o CiMUS, 15 para o CiQUS, 14 no CiTIUS e 10 bolsas no IGFAE. Esta é unha actividade financiada polo Convenio de Colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a USC para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i (2023).