Aberto o prazo para presentar ofertas á reparación da contorna do Sar, Sarela e Vilar

A data límite é o 15 de xuño // A recuperación ambiental é o principal obxectivo do proxecto

Ruta do Sarela, un sendeiro á beira do río que permite ir á pé e tamén en bicicleta, accesible andando dende o centro da cidade

Ruta do Sarela, un sendeiro á beira do río que permite ir á pé e tamén en bicicleta, accesible andando dende o centro da cidade / Jesús Prieto

Redacción

As empresas interesadas en realizar as obras de reparación da contorna dor ríos Sar, Sarela e Vilar poden presentar as súas ofertas ata o 15 de xuño. A actuación conta cun orzamento básico de licitación de 341.590,13 euros e prevese o acondicionamento de 12.050 metros cadrados. O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (avda. de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán, que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, aos dous lados do río Sarela.

Río Sarela ao seu paso por Vidán /antonio hernández

Río Sarela ao seu paso por Vidán / antonio hernández

A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira. No referente ao proxecto do ámbito sur, inclúe o acondicionamento da zona situada entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea; a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea; o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren; o acondicionamento da carballeira situada ao oeste do xacemento arqueolóxico; a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, entre o paso subterráneo e o río Sar; a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, xunto á súa confluencia co regato do Vilar, entre outras actuacións.