Lourenzo Fernández ingresa como académico de número da RAG

A sesión extraordinaria pública celebrarase este sábado no teatro Jofre de Ferrol, a cidade na que medrou

O historiador Lourenzo Fernández Prieto

O historiador Lourenzo Fernández Prieto / redacción

Redacción

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresa este sábado na Real Academia Galega como membro de número. A sesión extraordinaria pública celebrarase no teatro Jofre de Ferrol, a cidade na que medrou, a partir das 12:00 horas. O catedrático de Historia Contemporánea da USC dará lectura ao discurso titulado A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de Historia, Ramón Villares. Lourenzo Fernández Prieto ocupará a vacante producida no ano 2020 a consecuencia do pasamento da poeta Luz Pozo Garza.

Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista.