As cifras

A hostalaría súmase ás queixas da veciñanza polo deficiente servizo de taxis da cidade

O sector insiste en que se habiliten permisos provisionais e o Concello advirte que se supera un 50% o cupo que marca a lei

Nos últimos días repítense as queixas polo déficit de taxis na cidade e os sector pide licenzas provisionais na tempada alta

Nos últimos días repítense as queixas polo déficit de taxis na cidade e os sector pide licenzas provisionais na tempada alta / Jesús Prieto

As continuas incidencias no servizo de taxis de Santiago non só enchen de indignación a veciñanza e turistas, agora tamén a asociación Hostelería Compostela se suma a estas queixas porque ven como “os clientes por causa disto están a anular as súas reservas”. Así o afirman a través dunha nota de prensa enviada na tarde deste venres. Os hostaleiros denuncian que a insuficiencia de taxis non só é “un problema cando hai congresos” se non que o é todo o ano e urxen a que novo Goberno local resolva a situación.

“Chamáronnos moitos compañeiros hostaleiros queixándose da falta de taxis, o que repercute negativamente nos nosos negocios”, explica Thor Rodríguez, presidente de Hostalería Compostela. Unha asociación dende a que tamén se destaca que “pola noite é moi difícil conseguir un servizo de taxis fluído e iso fai que moitos veciños da cidade cambien os seus hábitos á hora de saír e gozar da oferta de lecer”. Na súa nota o colectivo tamén lembra que o problema vén de lonxe. “Levamos dous anos denunciando esta situación e lonxe de solucionarse, parece que se agrava”, afirma Thor Rodríguez.

Dende o Concello, até o de agora mantéñense defendendo que o número de licenzas de Compostela é un 50% superior ao que lle correspondería no marco da Lei 4/2013 da Xunta de Galicia, onde se estima que os municipios de entre 20.000 e 150.000 habitantes terán unha cota de un taxi por cada 1.000 persoas, o que deixaría a Santiago cun máximo de 98 taxis.

Tamén dende Raxoi, lembran que xa hai un ano, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo se reuniu co sector do taxi e se resolveu habilitar un carnet de taxi pero o sector “pediu que non se solicitasen máis licenzas”.

A este respecto pronúnciase Jesús García, presidente de RadioTaxi, que explica que “se hai un congreso con 3.000 médicos e non teñen transporte temos que asumir a carga de traballo os taxis”. García incide en que as administracións competentes deben resolver os problemas de mobilidade e deféndese apelando ás licenzas provisionais que levan tempo solicitando. “Agora non damos feito, pero no inverno sobramos, estamos a parar obrigatoriamente dous días á semana porque non hai traballo”. García que reivindica que “presentamos dez puntos ante dous equipos de goberno para resolver este asunto e non se aceptou ningunha”, comenta que aínda así se reunirán co novo Goberno local.

Unha caída no sistema

Un taxi nas rúas de Santiago

Un taxi nas rúas de Santiago / ECG

Unha veciña de Compostela púxose en contacto coa redacción deste xornal para informar dunha incidencia en primeira persoa. Segundo conta esta cidadá, durante toda a tarde do xoves resultoulle imposible contactar co servizo de RadioTaxi xa que “comunicaba” todo o tempo. Unha incidencia que dende RadioTaxi xustifican por mor dunha caída no sistema informático.

Mais a queixa desta compostelá vai aínda máis alá e explica que unha vez que conseguiu achegarse até o centro da cidade, Praza de Galicia, asegura que na parada non había ningún taxi, no que ela ve “unha folga encuberta”. Unha cuestión que rebate Jesús García, xa que “os taxistas somos autónomos, cando se viu unha folga de autónomos, se non traballamos non comemos”. García incide tamén en que os taxistas madrileños se puxeron en folga e “non serviu de nada” e engade que “nós tentamos resolver o problema dando tono na rúa, os compañeiros están a facer moitísimas horas”.