Poden solicitarse ata o día 8 bolsas de iniciación á investigación nos centros singulares

A USC oferta en total 14 para o Cimus, 15 para o Ciqus, 14 para o Citius e outras 10 para o Igfae

Instalaciones del CIMUS de la Universidade de Santiago de Compostela

Instalaciones del CIMUS de la Universidade de Santiago de Compostela / xoán álvarez

Os centros singulares de investigación da USC en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus), en Tecnoloxías Intelixentes (Citius), en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (Ciqus), así como o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae), centro mixto da USC e da Xunta, acaban de convocar bolsas de verán para a iniciación á investigación e atraer estudantado interesado en realizar prácticas formativas extracurriculares no marco dun proxecto.

As persoas beneficiarias adquirirán coñecementos e destrezas na área temática do seu proxecto e, así mesmo, participarán nas actividades científicas do centro correspondente.

As bolsas terán unha duración dun mes e están dotadas dunha axuda xeral, así como dunha específica para gastos de desprazamento para alumnado residente fóra de Santiago. As persoas solicitantes deberán cumprir os requirimentos de titulación establecidos na convocatoria e posuír unha nota media mínima de 8 sobre 10, alén de ter superado polo menos o 55% dos créditos da titulación.

O expediente abranguerá o 70% da valoración obtida, xunto co currículo (20%) e a carta de presentación (10%).

O prazo para as solicitudes a través da sede electrónica pode formalizarse ata o próximo 8 de xuño. En total, ofértanse 14 bolsas para o Cimus, 15 para o Ciqus, 14 no Citius e 10 bolsas no Igfae.

Trátase dunha actividade financiada polo Convenio de Colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a USC para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i (2023).