As novas tecnoloxías como método de recadación para as festas de San Pedro

Comezaron a campaña de recadación o 18 de abril e acumulan xa 5.225 euros // O obxectivo óptimo é chegar aos 8.600 euros

Persoas tocando a pandereita polas rúas de San Pedro, nunha anterior edición das festas

Persoas tocando a pandereita polas rúas de San Pedro, nunha anterior edición das festas / cedida

Achéganse as festas do barrio de San Pedro. Do 28 de xuño ao 2 de xullo a veciñanza poderá disfrutar de cinco días de circo, teatro, cabezudas, obradoiros, alboradas, música, etc, que nesta ocasión serán máis especiais ao celebrarse o 20 aniversario. A estrutura de programación mantén o formato orixinal, “teremos tempo para a foliada, a sesión vermú, a romaría, pero mellor gardar as sorpresas para o momento que sexa posible comunicalas, haber haberá, e de seguro que agradarán a todos as persoas que se acheguen polo barrio”, menciona en conversa con este medio Marta R. Boo, unha das integrantes da Asociación Cultural do Barrio de San Pedro, encargada da organización destas festas. Como cada ano intentan ter en conta a diversidade do público e facer unha programación acorde. “Sobre todo pensamos na veciñanza do barrio, pero son festas abertas, inclusivas e moi aclamadas por toda a cidadanía de Compostela”, asegura Marta.

No 2021 a Asociación comezou a colaborar coa Fundación Goteo que é unha plataforma “crowdfunding” cívica e colaborativa de cara a iniciativas cidadás, educativas, proxectos culturais e sociais. Despois da primeira experiencia, decidiron colaborar de novo este ano coa Fundación Goteo. A maiores, e grazas á boa relación que manteñen coa asociación empresarial do barrio reciben aportes económicos sen límites de cotas no propio Goteo e manteñen o tradicional sistema de “botes para facer peto” nos mostradores dos establecementos do barrio que acceden a colocalos, “de xeito que a veciñanza ten a posibilidade de facer aportacións directamente que suman para facer sostibles as festas”.

Comezaron coa campaña de recadación o pasado 18 de abril, xa levan recadados 5.225 euros e “agardamos poder acadar o obxectivo óptimo de 8.600 euros. Marte indica que a media da aportación son de 25 euros por persoa, “pero logo hai establecementos que colaboran por Goteo que aportaron 100, 120, ou ata 300 euros”. Con Goteo a aportación pode ser nominal ou anónima.

A celebración do vinte aniversario das festas do pobo supón para a Asociación “un momento de moita ilusión”, tanto que propiciou que fixeran unha edición especial da Feira da Primavera, que levaban anos sen celebrala. “E tamén supón que fomentemos as relacións que xa viñamos mantendo coas entidades do barrio, un pulo de enerxía comunitaria despois de tanto tempo de vida que tivemos que pasar na casa”, comenta.

Experiencia e equipo

A Asociación Cultural do Barrio de San Pedro está formada na actualidade por unhas 15 persoas, “encargadas do traballo máis previo ás festas en sí mesmas”, e a maiores, “contamos cunha rede ampla de persoas que están aí para o que se precise. Os días das festas é incontable o número de xente que están aí”.

Ademais de organizar as festas, realizan actividades de dinamización cultural, reivindicativas e de lecer. Ao longo destes anos destacan as Feiras da Primavera, a celebración dos Maios, o Festival San Pedro sen Paredes ou os Barrios con Luz Propia. Tamén cooperan e dinamizan xunto con outros colectivos e realizan diversas actividades en colaboración con elas. “Mantemos unha relación de cooperación e colaboración coa Asociación Veciñal A Xuntanza, o Centro Don Bosco, Sete Portas Altair, o colectivo Galiza Emocional, etc”, indican.