O Consello de Estudantado da USC pide máis investimento en servizos e igualdade

Creouse en setembro do ano pasado como unha ferramenta para a defensa dos dereitos do alumnado// No apartado das infraestruturas o que máis preocupa son os espazos de estudo

Estudantes da USC facendo cola para entrar na Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur

Estudantes da USC facendo cola para entrar na Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur / a. hernández

O Consello do Estudantado da USC botou a andar en setembro do ano pasado coa vontade de ser un punto de encontro das realidades do alumnado dos distintos centros. Naceu ao abeiro do artigo 29 do Estatuto do Estudantado da USC, con texto de 2018, a pesar de que agora coa nova Losu (Lei Orgánica do Sistema Universitario) os Consellos pasan a ser obligatorios nas Universidades. “O tema é que non foi ata xuño de 2022 cando dende a reitoría se lles dixo aos decanatos que debía haber unha persoa por centro, máis o estudantado do propio Consello de goberno”, detalla en conversa con este medio, Emilio Lage, estudante de Farmacia e presidente do Consello de Estudantado. En setembro celebráronse as eleccións. Sobre o feito de que non se creara antes, Emilio asegura que historicamente había un movemento estudantil organizado “que xa viña a facer esas tarefas” pero agora “parece ser que se viu a necesidade dende a Universidade”.

O Consello está chamado a ser un órgano de interlocución co Goberno da Universidade para negociar cuestións que redunden na defensa dos dereitos do estudandado. “Por exemplo agora coa adaptación á Losu vai haber moitos cambios normativos que teremos que negociar”, asegura. A maiores, o Consello debe actuar como un órgano de posta en común ao tratarse do único –ademais do Claustro- no que están representados persoas de todas as facultades e escolas da Universidade, co fin de “compartir certas problemáticas que poden ser comúns ou distintas dun centro a outro”. Tamén resulta de utilidade para analizar as necesidades que teñen as asociacións.

Agora mesmo a composición do Consello está fixada polo Estatuto do Estudantado. “Querémola ampliar pero dende o punto de vista xurídico non é posible”, comenta. Neste momento está representado todo o estudantado do Consello do Goberno – nove persoas–, e unha persoa por cada facultade ou escola. Hai un equipo de xestión, no que ademais de Emilio como presidente, hai un vicepresidente de organización, que na actualidade é Andrés Couso, un vicepresente de política universitaria, Diego López, unha secretaria, Antía Vilas e o tesoureiro, Daniel Chapela.

O primeiro que se fixo para estruturar o traballo do Consello foi crear grupos de traballo, e así constituiuse un de igualdade, un de normativa, un de bibliotecas, destinado sobre todo ao tema dos espazos de estudo en horario extraordinario, e outro de comunicación e participación. Entre os obxectivos está seguir creando outros en función das necesidades que vaian xurdindo.

Na actualidade, o Consello está en proceso de elaboración dun documento de demandas, tras reunirse xa co xefe do Servizo de participación e integración universitaria e coa delegada do rector para a Igualdade da USC. No mesmo haberá demandas relativas á igualdade e inclusividade na Universidade “porque entendemos que estamos bastante por detrás do necesario”. En concreto, unha das reclamacións é unha maior dotación orzamentaria “tendo en conta, como exemplo, que a Oficina de Igualdade de Xénero, ten dúas persoas para uns 24.000 estudantes. “É necesario dotar adecuadamente as infraestruturas de igualdade en todos os sentidos, de xénero, de diversidade, afectivo-sexual e de inclusividade, e atender ao estudantado que poida ter necesidades específicas de apoio educativo”, afirma.

Con respeto ás infraestruturas apostan por un uso racional e responsable das mesmas. O que máis lles preocupa é o tema dos espazos de estudo. “Temos reunións coa xerencia e coa dirección da biblioteca universitaria para negociar os postos de estudo, pero é certo que a xerencia sempre é reticente a ampliar postos de estudos, que nós vemos insuficientes”, comenta. No actual curso académico está aberta 24 horas a sala de lectura da facultade de Dereito, o ano pasado era a biblioteca Concepción Arenal. “Entendemos que a xestión do espazo debe seguir criterios de eficiencia, pero non deben ser prioridade, porque para iso son servizos públicos. Creo que o máis importante é prestar o servizo, polo que estamos negociando de tal maneira que os novos requerimentos de eficiencia enerxética non redunden nun empeoramento dos dereitos dos estudantes”, afirma.

O mantemento do Campus é un tema que tamén preocupa. Sobre iso Emilio Lage di que lle corresponde ao Concello “pero outra cousa é que se faga cargo ou non”. Hai unhas semanas presentouse no Claustro Universitario unha moción de estudantes para contar co apoio do equipo reitoral e así esixir o mantemento de rúas e espazos verdes dos Campus. “Ten que haber unha mellora de todos os Campus, aínda que onde máis se acusa do estado dos viarios é en Compostela”, declara.

Funcionamento do Consello

Estudantes da USC

Estudantes da USC / ECG

En referencia ao funcionamento, Emilo Lage declara que na maioría das ocasións os integrantes do Consello comunícanse a través de whatsapp, a parte de reunións periódicas “que soen solucionarse vía Teams e dos plenos ordinarios e extraordinarios. “Os extraordinarios son case todos telemáticos, pero os ordinarios son mixtos, e fanse no salón de actos de San Xerome, reclamando así que ese espazo sexa para toda a Universidade”, manifesta. Neste sentido apunta a que están en negociación de locais para representantes e asociacións de estudantes tanto en Santiago como en Lugo. En Compostela xa teñen asignado un espazo provisional nos Chalés dos Catedráticos.

O reitorado utiliza o Consello “especialmente como centraliña de cuestións estudantís”. Máis en concreto, “cada cousa que afecta ao estudantado avísanos a nós e nós transmitímolo ás asociacións e ao resto dos membros do Consello e xa no grupo de traballo correspondente trátanse as cuestións pertinentes”. Lage destaca que é un medio útil “porque nos comentaron dende a reitoría que en ocasións non sabían a quen falar e desta forma teñen máis centralizada a comunicación, e non a acción que é diversa”.

Divulgación

O Consello de Estudantado da USC é un órgano de recente creación, e o maior contacto co alumnado é a través de Instagram ou por un correo electrónico, polos que se transmiten queixas e peticións. A través do grupo de traballo de comunicación e participación manteñen un diálogo fluído coa vicerreitoría de Estudantes e Cultura. “Por exemplo cando hai eventos culturais resérvansenos certas entradas para que poidamos sortear entre o estudantado e con esas iniciativas conseguimos máis visibilidade”, apunta, sendo consciente de que non un traballo “que non se consegue do día para a noite”.

No pasado mes de abril pasaron polos centros da Universidade para dar a coñecer esta figura, algo co que continuarán no primeiro cuatrimestre do vindeiro curso. “Hai xente que xa acudiu a nós e xa estamos tratando problemáticas específicas dalgúns centros, nesa función que temos de mediación, interlocución e de defensa dos dereitos do estudantado”, sinala. Neses encontros darán a coñecer a convocatoria de eleccións que previsiblemente se convocarán a principios de outubro (este ano toca as de Xuntas de Centro, Consellos de departamento e Claustro) co fin de “animar á xente a participar nos procesos electorais porque son órganos de goberno onde se toman decisións que nos afectan”.