O primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Santiago xa está dispoñible para os usuarios

O proxecto Nós, executado pola USC, lanzará en breve un recoñecedor do galego oral que o converte a texto e un sintetizador da voz que a partir dun escrito é quen de ler neste idioma

Pola esquerda, Senén Barro, Elisa Fernández, Antonio López, Román Rodríguez, Julián Cerviño e Valentín García durante a presentación das novas ferramentas do proxecto Nós / santi alvite

Pola esquerda, Senén Barro, Elisa Fernández, Antonio López, Román Rodríguez, Julián Cerviño e Valentín García durante a presentación das novas ferramentas do proxecto Nós / santi alvite / lorena rey

O proxecto Nós, a iniciativa que permite incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais, xa ten finalizadas as tres primeiras ferramentas que calquera persoa, empresa ou proxecto poderá usar de forma gratuíta. Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego.

Así se deu a coñecer onte nunha rolda de prensa celebrada no Edificio Fontán da Cidade da Cultura e na que interviron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (Citius), Senén Barro; a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño.

Elisa Fernández foi a encargada de explicar o funcionamento das tres ferramentas creadas que se escolleron “pola súa alta demanda, porque van ser útiles para usuarios e usuarias finais e porque son a base para a creación doutros servizos e ferramentas de voz e texto”.

No caso do tradutor neuronal, que xa está dispoñible na web do proxecto Nós, traballo co galego, o español e o inglés. “Podemos imaxinar moitas aplicacións que ten un tradutor como pode ser a tradución da páxina web dunha institución”, dixo Elisa Fernández. Así, ao público asistentente, conformado por moitos dos investigadores e persoal contratado do proxecto Nós, mostrouse como exemplo a tradución do español ao galego dunha nova da web da Xunta.

Por outra banda, o recoñecedor automático da fala posibilita unha intervención oral coas máquinas, entre usuarios e dispositivos intelixentes. “É un sistema que transforma a voz en texto. Na súa versión final pódese subir tanto o ficheiro de audio para que sea transformado en texto como incluso facer unha gravación e automaticamente transformala en texto”, explicou en detalle. Na actualidade o recoñecedro da fala tarde uns segundos en devolver o texto escrito. “Isto ten que ver con que agora estas ferramentas están aloxadas nunha máquina virtual e estanse mudando aos servidores con suficiente capacidade de computación para ver funcionar isto en tempo real”, manifestou.

En referencia ao sintetizador de voz, Fernández asegurou que a voz “é de alta calidade e naturalidade”. Estas dúas últimas ferramentas estarán dispoñibles nas vindeiras semanas.

Por outra banda, Senén Barro destacou durante a súa intervención que non son modelos definitivos, se ben xa puxo en valor que conseguiron “o mellor tradutor de castelán a galego de todos os existentes”. Senón comentou que é un proxecto “que está pensado para non rematar nunca, como non queremos que ninguén se carge a nosa lingua. Un proxecto de transformación e construción continua de futuro para a nosa lingua pero en todo momento debe ter obxectivos concretos e prácticos”. Na actualidade o persoal implicado está centrado en recopilar máis datos e de maior calidade para mellorar os citados modelos de voz e texto.

Analizando a actualidade e pensando nun futuro, o director do Citius valorou de “imprescindible” a necesidade de desenvolver “a nosa propia tecnoloxía para evitar a dependencia tecnolóxica absoluta”. A maiores, tamén aposta por formar e atraer talento no ámbito das tecnoloxías lingüísticas e “evitar que se nos vaia fóra o que se formou aquí”. Así Senén confía en crear nun futuro próximo unha industria propia. “ Temos que desenvolver o galego no mundo dixital e temos que facelo nós”, declarou.

Senén Barro aproveitou a última parte do acto de presentación das ferramentas para dialogar sobre unha cuestión moi repetida nos últimos meses: para cando Siri ou Alexa en galego? “Non temos capacidade económica, nin humana, nin tecnolóxica de facelo, e isto tampouco é o obxectivo do proxecto Nós”, dixo en resposta á pregunta. Entre os fins principais citou a oferta de medios para que as administracións públicas e empresas poidan abordar necesidades e oportunidades de atención á cidadanía e de negocio galego, poder interaccionar coa administración dixital en galego, subtitular en galego ou educar en galego coas axudas das máquinas, entre outras.

Previa á explicación técnica das ferramentas tivo a palabra o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, mencionou que se trata dun “paso moi agardado” para “dotar a Galicia dun sistema que sitúe ao galego no eido da intelixencia artificial e en todos os ámbitos da tecnoloxía”. A maiores, Rodríguez anunciou que o seguinte paso será avanzar nunha campaña de captación de voces para recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia, para a cal xa están no proceso de contratación.

O reitor da USC, Antonio López, destacou que o proxecto Nós “conecta humanidades e tecnoloxía, neste caso, a través da lingua”, quen subliñou que se trata do “proxecto máis ambicioso para a nosa lingua mirando cara ao futuro”. En palabras de López, a iniciativa trata de colocar ao galego nas mesmas condicións que outros idiomas con maior potencialidade a través de ferramentas que xeran aprendizaxe constante e solucións acaídas.

A lingua galega na vangarda tecnolóxica

O proxecto Nós: ‘O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial’ está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das Tecnoloxías Intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas Tecnoloxías Lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial.

O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS e que foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua.