Antón Reixa, galardoado en Raxoi co Premio Plataforma pola súa traxectoria artística

O creador vigués participará este xoves no marco do festival organizado pola Cooperativa Performa coa obra ‘Un só familiar por paciente (e non viceversa)’ na Praza do Obradoiro

O galardoado Antón Reixa, no centro, entre as concelleiras Mercedes Rosón e Goretti Sanmartín, na entrega do galardón ao artista vigués.

O galardoado Antón Reixa, no centro, entre as concelleiras Mercedes Rosón e Goretti Sanmartín, na entrega do galardón ao artista vigués. / k.m.

O coñecido artista vigués Antón Reixa recibiu onte pola tarde en Raxoi o III Premio Plataforma, galardón que lle foi entregado pola concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón, no marco do festival Plataforma, organizado pola Cooperativa Performa.

Na cerimonia de entrega tamén participaron distintos membros da Corporación Municipal. Esta distinción consiste nunha peza cerámica realizada pola artista e artesá Verónica Moar.

O músico, poeta e performer galego recibiu este galardón e participará do festival de artes performativas Plataforma coa acción inédita Un só familiar por paciente (e non viceversa), en colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago, que estará dirixida nesta ocasión por Casiano Mouriño.

A prolongada carreira deste artista comeza na década dos anos setenta, renovando a poesía a través do Grupo Rompente e coa publicación de obras como o Silabario da Turbina ou As ladillas do travesti. Durante a súa traxectoria, tamén explora o eido musical con Os Resentidos na década dos oitenta, e é un dos primeiros artistas en entrar no mundo do videoarte na comunidade autónoma.

Considérase pioneiro no ámbito da performance, sempre da man do activismo cultural e do comentario socio-político, o que converteu a figura de Antón Reixa nunha presenza interxeracional.

O vigués participará nesta oitava edición do festival estes xoves, 8 de xuño, no Obradoiro. Será no marco desta mítica praza onde se presentará ante o público coa súa peza Un só familiar por paciente (e non viceversa), en colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago, baixo a batuta de Casiano Mouriño.

Trátase dunha actividade na que o creador propón ao espectador unha visita ficticia polos espazos inevitables que transitamos ao longo da nosa vida: o cárcere, o banco, o hospital, e mesmo o tanatorio. A ruta conduce o viaxeiro a un espazo liberado: a creación artística.

Ao recibir o galardón Plataforma, Reixa recolle o testemuño de Rodríguez-Méndez, premiado no 2022 polo seu traballo como artista plástico e polas súas achegas ao campo das artes vivas e a performance, contando con obra no Centro Galego de Arte Contemporánea, na Colección DKV, na Colección Mica e na Fundación Didac.

Na primeira edición, o premio foi entregado a La Ribot, figura imprescindible no ámbito da danza contemporánea e recoñecida recentemente co León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia.

Plataforma

Festival de artes performativas comezou esta nova edición onte pola tarde na praza da Quintana coa estrea da performance da artista Mery Pais Lei eterna, que trata sobre a necesidade de entrelazar e respectar as culturas nunha reflexión sobre a relixión, as crenzas de iguais, e de contrarios. A artista creou na praza, por medio do son ed a participación das performers, un espazo compartido de multiculturalidade e interrelixioso.