A asamblea de Compostela Aberta aposta por negociar un pacto de goberno co BNG

A coordenadora de CA foi mandatada para iniciar as negociacións co BNG para chegar a un acordo de goberno, que volverá a ser referendado nunha próxima asemblea

Asamblea de Compostela Aberta celebrada esta tarde

Asamblea de Compostela Aberta celebrada esta tarde / Compostela Aberta

Redacción

A asamblea de Compostela Aberta acordou hoxe mandatar á coordinadora para aceptar a proposta do BNG de negociar a integración de CA nun goberno de coalición. Así se acordou na xuntanza celebrada esta tarde para avaliar os resultados das eleccións do pasado 28 de maio e perfilar o rol que Compostela Aberta debe xogar no próximo mandato.

Tal e como xa explicara a voceira municipal e candidata, María Rozas, era a asamblea a que debía decidir se Compostela Aberta aceptaba a oferta do BNG para negociar un pacto de goberno. Tras a decisión adoptada esta tarde, na reunión prevista para mañá co Bloque Nacionalista Galego empezarase a traballar no acordo para a integración dos dous concelleiros electos de CA nese posible executivo de coalición. As persoas designadas pola coordinadora para as representar a Compostela nas negociacións serán María Rozas, Xan Duro, Miguel Penas e Concha Fernández, que xa participaran na primeira xuntanza co BNG na que se oficializara a oferta dun pacto de goberno por parte do Bloque e na que CA confirmara a súa decisión de apoiar a Goretti Sanmartín no Pleno de investidura.

Tras o acordo adoptado hoxe, e unha vez avancen as negociacións, a coordinadora volverá someter á decisión da asamblea o acordo concreto de goberno, para que sexa ese órgano o que teña a última palabra sobre a integración ou non de Compostela Aberta nun executivo de coalición.

Na súa intervención na asamblea, María Rozas volveu recoñecer que os resultados das eleccións “nin son satisfactorios nin son os agardados, pero somos tamén conscientes de cales foron as dinámicas en Galicia e no conxunto do Estado”. A portavoz municipal de CA agradeceulle ás bases a súa implicación e colaboración na campaña e fixo unha chamada á participación activa nos próximos catro anos “porque o resultado danos a oportunidade de ter unha base sobre a que construir a Compostela Aberta do futuro”.

En xogo, un goberno estable

Pero máis aló da investidura, está en xogo un goberno estable, posto que o BNG só ten seis concelleiros dunha corporación de 25, fronte aos 11 do PP, o seis do PSOE e os 2 de Compostela Aberta, o que lle deixaría no caso de non pechar un goberno cunha situación complicada para sacar adiante asuntos crave como os orzamentos.

Sanmartín chamou a un goberno "estable" e dirixiuse en días pasados especificamente a Compostela Aberta, xa que polo menos dous edís reforzaría a súa posición fronte ao PSOE, na esquerda, e ao PP, que quedaría como líder da oposición cun grupo de once acodes.

A decisión de Compostela Aberta de falar da posibilidade dun goberno dá, así pois, un impulso ás intencións de Goretti Sanmartín, quen en todo caso asegurou que conta cun grupo "preparado" para gobernar a cidade.

Dúas velocidades de negociacións

Nestas negociacións, do mesmo xeito que no resto de Galicia, danse dous ritmos. Mentres que o BNG era partidario de imprimir máis resolución ao diálogo e chegar cun goberno listo o mesmo 17, o PSdeG arrefriou estas expectativas e só garantiu chegar á constitución da corporación local cos votos de investidura pechados.

Fronte a iso, a portavoz de Compostela Aberta si se mostrou partidaria de abordar os asuntos sen pausa e tratar de chegar aos acordos en canto sexa posible sen dilacións.

Entre tanto, os socialistas composteláns enfróntanse a unha situación singular, gobernados por unha xestora e cun grupo municipal que, sen aínda tomar posesión, xa conta con dúas baixas nos primeiros postos: a do propio alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, e a do seu número tres, Xoaquín Fernández Leiceaga, todo iso, coa confección das listas electorais para o Congreso e o Senado.