Mantense a folga de transporte debido á ausencia de negociación entre sindicatos e Goberno saínte

A CIG denuncia o “desentendemento” por parte do equipo en funcións e buscará un contacto informal coa nova corporación

A folga de autobuses urbanos, convocada do 15 ao 18 de xuño, coincidirá co festival O Son do Camiño / Xoán Álvarez

A folga de autobuses urbanos, convocada do 15 ao 18 de xuño, coincidirá co festival O Son do Camiño / Xoán Álvarez / Ana Triñáns

Os sindicatos manteñen a convocatoria de folga do transporte urbano compostelán para os vindeiros días 15, 16, 17 e 18 de xuño, coincidindo coa celebración, no Monte do Gozo, do festival O Son do Camiño, para o que se agardan máis de 40.000 espectadores por día. Os organizadores do evento, EsmerArte & Old Navy, agardaban que continuasen as negociacións. Segundo indicaba Kin Martínez, “cremos que se reunirán esta semana e agardamos que se lle poida dar a volta á situación”. “Teremos un plan B pero non imos poñer o carro diante dos bois, porque a concesión é do Concello de Santiago e non podemos traer buses de fóra”.

A razón do mantemento desta folga, indica Nacho Pavón, da Confederación Intersindical Galega (CIG), “débese ao desentendemento do Goberno local en funcións”. Segundo indica o portavoz da área de transporte da CIG, están á espera de que os técnicos municipais dean resposta a unha pregunta realizada polo sindicato o pasado venres 2 de xuño, “cónstanos que se está a traballar na resposta pero os técnicos, sen indicacións políticas non executan, e co cambio de goberno non está a haber instrucións”.

A citada pregunta pretendía averiguar se nos novos pregos para a concesión do transporte urbano da cidade respectan a sentenza do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), que o pasado mes de marzo ordenara á Comisión Galega da Competencia abrir expediente sancionador contra Monbus e Alsa por “indicios de terse repartido o mercado” ao concurrir mediante unha UTE (Unión Temporal de Empresas) a un concurso público da Xunta para a adxudicación de varios contratos de transporte interurbano.

Nacho Pavón lembra que o pasado mes de maio se desconvocou a folga prevista porque se estaba a negociar e parecía que había unha aproximación nas posturas de traballadores e empresa pero agora o Goberno en funcións non ten actitude negociadora senón que se “está desentendendo do tema, o que é unha irresponsabilidade non só cos traballadores, é socialmente irresponsable”, e polo tanto, non hai camiño para ter máis conversas.

O que si pretende a CIG, asegura Pavón, é realizar algún “contacto informal cos grupos que vaian formar o novo Goberno”, en referencia ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Compostela Aberta (CA) cuxos equipos están xa en negociacións para que Goretti Sanmartín (BNG) poida asumir a Alcaldía a partir do vindeiro día 17 de xuño.

Os contratempos do contrato

O conflito ten orixe nos pregos do novo contrato para a xestión do servizo público de transporte colectivo urbano de viaxeiros, que segundo advertían os sindicatos “deixa a porta aberta a unha posible precariedade laboral”, en referencia á presentación en formato UTE, que levou a que os 130 traballadores do transporte público estean divididos en sete empresas con contratos diferentes. Ademais diso, unha vez presentados os pregos, un total de cinco empresas presentaron recurso no Tribunal Administrativo de Contratación Púlbica da Xunta, alegando que non se recollía a subida salarial pactada na negociación do último convenio. Unha cuestión que levou a ese tribunal a suspender o procedemento de forma cautelar. Esta interrupción supón a demora no peche do prazo para presentar ofertas, previsto para o 12 de xuño e que finalmente terá lugar o 26 do mesmo mes.