Dende o vindeiro día 15 até o 17 de xuño celébrase no Monte do Gozo unha nova edición de O Son do Camiño, para a que se agarda a chegada de máis de 40.000 persoas diarias. Con este motivo o Concello de Santiago remitiu aos medios as restriccións de tráfico que se levarán a cabo, así como as liñas de autobús que se ampliarán.
Deste modo, dende as 14 horas do xoves 15 até as 5 da madrugada do domingo 18, estarán pechadas á circulación as rúas das Estrelas, do Gozo, de San Martiño e de Agra dos Campos. Así mesmo, ao remate dos concertos cortarase a N-634 (só quedará habilitada a A-54) e, se é necesario as rúas Senande, Santa Eulalia de Bando e San Marcos. As restriccións afectan tamén ao servizo público de taxis. Dende a Policía Local e o Concello aconsellan non achegarse no turismo privado, pero aínda así habilitarán un espazo Kiss&Go, de parada breve, para aqueles pais que vaian recoller os menores que acudan aos concertos.
Os residentes nos arredores deberan estar acreditados e accederán ás vivendas por Aríns ou a rúa San Marcos. Os vehículos de persoas con mobilidade reducida terán acceso directo aos concertos pola rúa do Gozo.
Ademais de reforzárense as liñas 6, A6, 7 e A7, que se achegarán ao Monte do Gozo, haberá dúas liñas especiais, dende a Cidade da Cultura (de 14 a 22 horas), con volta dende San Lázaro (de 22 a 5 horas); e a segunda dende a Estación de Autobuses (dársenas 21 a 25). No Multiúsos Fontes de Sar habilitarase outra lanzadeira, desta vez para campistas, con saída do aparcadoiro o día 15 de 10 a 14 horas e con retorno domingo 18 entre as 10 e as 16 horas.