Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A cifra de gatos que chegan a Bando no verán é dez veces maior que o resto do ano

O refuxio de animais traballa cunha decena de concellos, ademais de Compostela, onde ten as instalacións

A estas alturas do ano o Refuxio de Bando xa conta con máis de 200 gatos / |  JESÚS PRIETO

A estas alturas do ano o Refuxio de Bando xa conta con máis de 200 gatos / | JESÚS PRIETO / Ana Triñáns

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Os galegos usamos a expresión “andar á xaneira” para referírmonos ao celo das gatas, que se produce durante o inverno, concretamente entre os meses de novembro e xaneiro. A xestación destes animais é de arredor de dous meses e medio, por iso, a finais de abril e primeiros de maio chegan as primeiras camadas, unhas crías das que non todos os propietarios de gatas están dispostos a asumir a responsabilidade e que optan, no mellor dos casos, por achegalas ao Refuxio de Bando, cando non se decantan por abandonalas ou tomar decisións aínda máis crueis. Olalla García, presidenta da Fundación Refuxio, explícanos que “se a primeiros de ano temos cinco gatos ao mes, nesta época podemos chegar a ter 50, e son moi bebés”.

Por iso, no Refuxio adoptan medidas especiais, tanto na época estival coma no mes de outubro, pois “as gatas paren dúas veces ao ano”. Así pois, a principal medida é a de buscar casas de acollida, xa que “algúns deles teñen que tomar biberón e esixen certa dedicación”, polo que por veces botan man de “xente que habitualmente colabora con nós” ou con novas persoas que queren cooperar e, en todos os casos, asínase un contrato de acollida. “Damos as instrucións pertinentes para o coidado do animal pero só se trata de acollida, polo que os gastos tamén corren a cargo do Refuxio”, explica Olalla.

O abandono de cans mantense durante todo o ano / JEsÚs Prieto

O abandono de cans mantense durante todo o ano / JEsÚs Prieto / Ana Triñáns

Ademais desta modalidade de colaboración, nos termos que explica a directora da fundación, o Refuxio tamén xestiona a adoptación de cans e gatos. “Nos últimos anos entraron moitos animais pero tamén houbo moitas adopcións”, cóntalle Olalla a EL CORREO, “pero este ano non parece, polo de agora, que o resultado vaia ser igual en canto ás adopcións”. García explica que o cómputo total de 2022 foi de 500 animais, pero agora, “no que vai de ano fixemos unha vintena de adopcións”.

O trámite para facerse cun can ou un gato de Bando implica unha primeira comunicación por correo coa persoa interesada, “enviamos un cuestionario de preadopción”, a través do que, no Refuxio, se indaga sobre se o animal é axeitado para ese tipo de persoa, “por tanto debemos saber se vive nunha casa ou nun piso, se hai máis animais na vivenda, que outras persoas integran a familia...”. Unhas preguntas que tamén levan a quen se postula para adoptar “a reflexionar sobre o que conleva ter un animal”. O seguinte paso é o da entrevista persoal, á que chega xente “que ten moi claro que animal quere e outra que non, ao igual que hai quen se deixa aconsellar e quen non”. “Temos que velar polo benestar do can adoptado e da familia que adopta”, sinala Olalla García, que tamén recalca que unha vez asinado o contrato se explica en que condicións vai o animal adoptado. “Esterilizámolos, desparasitámolos interna e externamente e os cans van co microchip, e unha vez que entre vigor a nova lei (Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais) tamén deberán ir os gatos”, comenta.

A Fundación Refuxio traballa cunha decena de concellos: Compostela (onde ten as súas instalacións, en Bando), Teo, Vedra, Boqueixón, Brión, Touro, Val do Dubra, Dodro, Trazo e Padrón. Segundo explica Olalla García “onde máis animais recollemos e en Santiago, tamén porque é un concello maior, e o segundo e terceiro lugar correspóndenlle aos concellos de Padrón e de Brión”. A directora do Refuxio indica que hai diferenzas sensibles entre a cantidade de animais que se recollen na contorna urbana e na rural, sendo máis abondosa a cifra no primeiro caso.

O verán é unha época de abundante abandono de gatos, pero “ao contrario do que se pensa non se deixan máis cans durante o verán, a cifra mantense todo o ano”, conta a directora do Refuxio. “O que si acontece na época estival é que coas festas, as bombas e os fogos de artificio asustan os animais e escapan”. Os gatos, ao contrario, indica Olalla, agóchanse, pero tamén teñen medo e mesmo “poden chegar a infartar”. Por iso é recomedable “asegurarnos de que o can non pode fuxir e telo con microchip, o que permite localizar os donos se alguén o atopa”.

As colonias de gatos

Olalla García comenta tamén que entre os gatos que chegan ao Refuxio de Bando, “o 80 % son de particulares, non de colonias”, e explica a colaboración que existe con asociacións que se ocupan destas comunidades de gatos, como Micos do Barrio ou a asociación Abeiro. Esta última entidade, fundada en 2005 en Santiago, ocúpase de 40 colonias, dez delas en Compostela e tamén realizan adopcións. “No que vai de ano adoptáronse 57 gatos e dous cans”, conta Ángela Ferro, “os animais non humanos tamén son seres sentintes pero o abandono non para de medrar ano tras ano, e iso que só podemos ter en conta os datos rexistrados, pero hai moitos que non se rexistran”, explica. “O abandono prodúcese por ter espectativas pouco realistas do que supón compartir a vida cun animal”, sentenza.

Ángeles Doval, de Micos do Barrio, unha asociación que xestiona dez colonias propias (Fontiñas, Sar e Pontepedriña, con máis de 300 animais), comenta que dende esta entidade non xestionan adopcións mais si fan “actividades de formación e sensibilización”, porque “a cidadanía debe ter en conta a importancia das rutinas para os gatos e a forma na que se xera con eles un vínculo”. Vencello que, tanto Ángela como Ángeles reiteran, non debe implicar que calquera persoa lles leve de comer, por exemplo, senón que deben contactar cos coidadores porque esa práctica mesmo “pode ser prexudicial para os animais”.

Tracking Pixel Contents