Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

En xullo comezan as obras da nova Cidade de San Caetano cun orzamento de 34,6 millóns

A construción, nunha superficie útil de 12.000 m2, alberguerá uns 700 empregados de sete unidades administrativas e supoñerá o aforro dun millón en pago de alugueiros

34,6 millóns de euros para a nova Cidade de San Caetano

Javier Rosende Novo

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse na mañá de onte coa empresa adxudicataria das obras (Acciona) que se van realizar no solar da antiga Estación de Autobuses. A razón da comparecencia da conselleira era a de anunciar o comezo destas obras para a construción da nova Cidade de San Caetano, o complexo administrativo da Xunta, que conta cun orzamento de 34,6 millóns de euros e cuxos traballos se iniciarán a mediados do mes de xullo.

“Acabamos de asinar o contrato administrativo e debemos comenzar a organización”, explicou a conselleira, engadindo que se trata de poñer en marcha a primeira fase desta obra, composta por dous módulos de edificios con catro andares, nunha superficie útil de 12.000 m², que albergarán sete unidades administrativas nas que se reubicarán uns 700 empregados públicos. Unha construción que supón “un aforro de 1,1 millóns de euros en alugueiros”, recalcou Vázquez, “estamos a falar de dous módulos de edificios que se conectarán cos vestíbulos e tamén co patio central de San Caetano”.

“A solución construtiva máis singular, son as cubertas axardinadas e tamén se utilizarán técnicas de eficiencia enerxética”, explicou a conselleira de Infraestruturas, “empregaremos a xeotermia, para o que temos que realizar sondaxes”. “Queremos conseguir a máxima optimización no deseño, a máxima funcionalidade e a máxima calidade destes novos edificios administrativos”. “A nosa previsión é comezar estas obras a mediados de xullo”, incidiu Vázquez “cun investimento de 34,6 millóns de euros, e comezaremos organizando a caseta de obras, seguridade e saúde”.

Imagen recreando el proyecto previsto para San Caetano

Imagen recreando el proyecto previsto para San Caetano / Xunta

Ethel Vázquez tamén explicou que a partir da segunda quincena de xullo desprazaranse as primeiras grúas torre para empezar os traballos e “xa en agosto, iniciaranse os movementos de terra, sondaxes e cimentacións”. “Realizaranse algúns pequenos axustes que para nada afectan ao volume edificatorio, nin ao que se refire á funcionalidade, buscando a calidade do servizo, como a entrada ao aparcamento, que o patio estea máis aberto á avenida de Rodríguez de Viguri, e tamén a entrada coa pérgola”, especificou a conselleira.

Vázquez tamén explicou que a nova Cidade de San Caetano busca unha “maior calidade do servizo público que permitirá incrementar á súa vez calidade de vida dos cidadáns que se despracen até a Administración pública e tamén”, reiterou “un aforro de alugueiros importante”. As obras teñen un prazo de execución de 18 meses e, polo tanto, “a nosa previsión é que acabemos de abordar o inicio das obras a mediados de xullo e rematalas a finais do ano 2024, é o obxectivo que nos marcamos e agardamos que poida ser así”.

Nesta dirección, Ethel Vázquez falou da coordinación das obras que estaba a presentar coas que están a ter lugar na Avenida Rodríguez de Viguri, “están en execución as obras desa avenida e hai que compaxinalas con estas actuacións”, dixo en referencia ao solar da antiga estación. “Rematarán esas obras de Rodríguez de Viguri para ese intercambio intermodal sobre o mes do outubro, pero en calquera caso compaxinadas co inicio destas obras para ofrecer maior funcionalidade e maior integración paisaxística”, recalcou Vázquez.

Ethel Vázquez nas obras da Cidade de San Caetano

Ethel Vázquez nas obras da Cidade de San Caetano / Javier Rosende Novo

Sobre a idea de pechar a rúa Ánxel Casal ao tráfico, a vía que separa San Caetano dos novos edificios e que xa se barallara a finais de 2021, cando se procedeu a demoler o antigo edificio e cuxo permiso denegara o anterior goberno municipal, Vázquez só indicou que se deixará a nova negociación para unha segunda fase desta obra que comezará os traballos a mediados de xullo. Ethel Vázquez tamén comentou coa prensa que dende a súa Consellaría “agardamos poder colaborar, coordinar e acordar co Concello de Santiago a segunda fase do que é a cidade de San Caetano” e que finalizará en 2024, “que xa que está contemplada neste contrato de anteproxecto para a praza da Camilo Díaz Valiño e os novos accesos”.

REABRIRASE O DEBATE SOBRE O PECHE DA RÚA ÁNXEL CASAL

En setembro de 2021 comezaban as obras de demolición da antiga Estación de Autobuses, con 50 anos de historia, unha execución que tivo un custo de 1.461.551,10 euros. Xa naquela altura se xerou polémica pola intención da Xunta, non só de unir mediante pasarelas as dúas áreas de edificios administrativos, as construcións actuais e os novos módulos no solar da estación, senón tamén a intención de pechar ao tráfico a rúa Ánxel Casal, que atravesa o futuro complexo. O daquela Goberno municipial, liderado por Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG) denegou ceder á Xunta un vial que a diario emprega un bo número de conductores para achegarse até os barrios de Vite ou da Pastoriza. Na comparecencia do luns para presentar o comezo das obras e os prazos dos novos edificios administrativos, referiuse a que este asunto “non está aínda pechado, decidimos realizar esta primeira pola falta de acordo co Concello para realizar esta obra o máis integrada posible, e acadar a máxima funcionalidade pechando ese vial e integrándoo”.

Sobre a necesidade de ampliar a zona de aparcamento para acoller os vehículos deses 700 empregados públicos que traballarán na Cidade de San Caetano, a conselleira de Infraestruturas quixo deixar claro que “non imos incrementar o número de traballadores públicos, senón que queremos que se integren nas mellores condicións a evitar ese custo de 1,1 millóns de euros de alugueiro”. “En calquera caso”, explicou a conselleira Vázquez, “si que nas propias edificacións estamos estudando e analizando unha área para aumentar certo número de prazas de aparcamento”.

Imagen virtual del proyecto previsto en San Caetano

Imagen virtual del proyecto previsto en San Caetano / Xunta

A anulación de dous lotes de transporte escolar polo TSXG

Preguntada pola decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que o pasado venres anulaba a adxudicación por parte da Xunta de dous dos lotes de transporte escolar á empresa Monbus, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade indicaba que se trataba dunha cuestión que atinguía á Consellaría de Educación.

Así e todo, Ehtel Vázquez explicou que “en calquera caso, a Xunta de Galicia, como sempre vén facendo co Plan de Transporte Público, cumprimos escrupulosamente a lei e con todo o procedemento administrativo que debemos de cumprir, a Lei de Contratos do Sector Público e as normativas europeas”. “Comprenderán que para licitar tal tipo de contratos hai que realizar un informe técnico”, recalcou a conselleira para engadir que “dende logo, realizamos todos os trámites e os informes xurídicos, e o TACGAL, o Tribunal de Contratos das Administracións Públicas, vén a confirmar practicamente o o cen por cen dos procedementos realizados pola Consellaría de Infraestruturas, e os procedementos contenciosos tamén os gañamos practicamente todos”, finalizou.

Tracking Pixel Contents