Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vandalismo no casco vello: as agresións máis soadas contra monumentos históricos

A Xunta publicou en 2016 no DOG a Lei de Patrimonio, que establece sancións de entre 300 e 150.000 euros por atentar contra o templo e a cidade, Patrimonio da Unesco

A pintada realizada na Praza das Praterías en 2018

A pintada realizada na Praza das Praterías en 2018 / ECG

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O último capítulo de vandalismo sobre o patrimonio compostelán, que non o derradeiro, produciuse o pasado domingo, cando un individuo se puxo a escalar a Porta Santa valéndose para iso das figuras talladas polo Mestre Mateo. Un feito denunciado nas redes sociais por moitas das persoas que daquela hora paseaban pola Praza da Quintana e que volveu poñer de actualidade os atentados contra o noso patrimonio e a masificación turística de Santiago de Compostela. Os feitos da pasada fin de semana explican a necesidade “de concienciar en orixe” e do Plan de Turismo Consciente, dos que fala a alcaldesa Goretti Sanmartín (Bloque Nacionalista Galego) en referencia ao turismo e aos peregrinos. Así o reiterou nunha rolda de prensa o pasado luns, a carón do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto. Este último, coincidindo co seu predecesor no cargo, monseñor Julián Barrio, apelou á necesidade de “facer un gran labor pedagóxico, a historia entregóunolo e temos a responsabilidade de coidalo”.

Con todo, o Concello anunciou o reforzo da vixilancia policia nos arredores da Catedral, pero o do domingo non fai máis que o enésimo atentado ao patrimonio. Nos últimos anos, e máis aínda, nos últimos meses sucedéronse os ataques ao patrimonio da cidade con pintadas feitas con tizas ou spray e con lemas ou debuxos que van dende a reivindicación, supostamente feministas, até un pene. A Lei de Patrimonio da Xunta, de 2016, condena este tipo de actuacións con sancións que van dos 300 euros, as máis leves, até os 150.000, a cuestión é dar con quen realizou o acto vandálico. En marzo deste ano, un par de mozos, en evidente estado de embriaguez treparon a escalinata, restaurada hai apenas tres anos, e o vídeo correu polas redes sociais.

A imaxe da Virxe da Cerca tras ser restaurada

A imaxe da Virxe da Cerca tras ser restaurada / ECG

Unha das figuras da fachada da Catedral que dá á Praza das Praterías aparecía, unha mañá de marzo de 2018, pintada coma se se tratase dun membro da banda The Kiss. Limpar e restaurar a talla tivo un custe de arredor dos 12.000 euros pero a Policía non deu noticia de ter atopado o ou os responsables.

Tamén con spray apareceu en maio outro dos muros do templo, onde alguén decidiu pintar un pene e con tiza, se cadra máis sinxelo de limpar que o spray pero tamén daniña. E recentemente unha peregrina escribiu o número de quilómetros que fixera no Camiño de Santiago en plena Praza do Obradoiro. A camiñante en cuestión emulaba, sen sabelo, a quen tamén decidiu escribir nas escaleiras de San Martiño Pinario, tamén con tizas de cores, o lema “Ferrol mola”.

Na primavera de 2019, último ano do mandato de Martiño Noriega na Alcaldía (Compostela Aberta), tocoulle a quenda vandálica ás escaleiras de acceso ao Obradoiro e ao arco do Pazo de Xelmírez, onde alguén, supostamente feminista, pintou frases do tipo “Yo no salí de tu costilla, tú saliste de mi coño” ou “Gritaremos hasta quedarnos sin Vox”.

Un turista escala por la Puerta Santa de la Catedral de Santiago

Cedida

Pero os atentados patrimoniais van máis alá dos arredores da Catedral, esténdense a conventos e mosteiros e incluso a colexios. Este último caso aconteceu durante o mandato de Gerardo Conde Roa (Partido Popular) na noite de Reis de 2012. Á mañá seguinte a Virxe da Cerca, ao carón do colexio Compañía de María, apareceu coa cabeza arrincada e rota en tres anacos. A figura puido restaurarse e en poucos días a virxe volvía á súa situación orixinal.

Tracking Pixel Contents