Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vandalismo patrimonial: unha historia que se repite na cidade dende a década dos anos 70

A fachada da Catedral, na Praza da Quintana, ‘convertida’ en portería de fútbol, balonmán e parede de frontón

Pintada no Arco de Xelmírez no mes de marzo do ano 2019

Pintada no Arco de Xelmírez no mes de marzo do ano 2019 / Xoán Álvarez

Ana Triñáns

Santiago

Os últimos actos vándalicos contra o patrimonio histórico de Santiago e a grande afluencia de peregrinos e turistas que se está a dar xa, e que se prevé que aumente de cara á celebración do Día do Apóstolo o 25 de xullo, provocaron que Concello e Policía reforzaran a vixilancia nos arredores da Catedral, na procura de que a presenza de efectivos policiais teña un efecto disuasorio entre os visitantes. A raíz das recentes informacións relativas a unha nova pintada e á “escalada” que un individuo realizou sobre as figuras que compoñen os Vintesete, na Porta Santa, o doutor cum laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago (USC) Alfonso Espiño púxose en contacto con este diario para compartir unha serie de arquivos de hemeroteca nos que se dá conta de que este tipo de actos xa case son “tradición”. Espiño, que tamén é músico e compositor, fixo este descubrimento mentres realizaba o máster ‘Lecturas sobre a cidade histórica. Arte, patrimonio cultural e a súa xestión’ e, posteriormente, a tese doutoral 'Compostela: música moderna en Santiago (1954-1978)’, publicada no ano 2020.

Dos arquivos achegados por Alfonso Espiño extráese claramente a recorrencia deste tipo de actos. Seguindo, por exemplo, cos Vintesete, unha das figuras que adornan a Porta Santa e representan a apóstolos, patriarcas e profetas, apareceu decapitada o 17 de marzo de 1977, sen saberse moi ben o que pasou. En febreiro do ano seguinte, outra desas estatuas apareceu derrubada sobre o pavimento da Praza da Quitana, e tamén se mantivo a incógnita da causa, e en xullo do mesmo ano, alguén arrincou a cara doutra das figuras. Neste caso si había sospeitas do que sucedera e a principal teoría era a de que algunha persoa tentara trepar os Vintesete.

Na mesma praza, mentres Espiño analizaba a gravación dun concerto para a elaboración da súa tese, descubriu para a súa sorpresa que ao carón da Porta Santa, na parede da Catedral, había pintada unha ‘portería’ de fútbol. Cando o investigador compartiu o fotograma nas súas redes sociais, ademais, puido descubrir a través dos comentarios o que a xente facía sobre a imaxe e que non só se xogaba ao fútbol na Quintana contra a fachada da Catedral, senón que tamén se xogaba ao frontón...

Non se pode descartar que un balonazo fose o responsable dalgún dos sucesos citados máis arriba e que danaron os Vintesete. E así o recollía unha publicación do 20 de marzo de 1977, “un dos Vintesete da Porta Santa quedou sen cachola. Nalgún intre na Quintana hasta xogóuse o balonmán”. A nota engadía tamén reflexión sobre o comportamento da cidadanía, en xeral, a respecto do patrimonio. “Dende logo nunca demostramos moito amor polo noso patrimonio”, dicía, “Santiago é unha chea de monumentos, éche a máis grande riqueza do pobo galego” e facía un chamado de futuro, “se seguimos así, amolando esculturas de pedra e mirando igrexas en ruínas, non lle vai quedar nada pros que veñan mañá”. E remataba a valoración cunha reflexión que ben podería servirnos agora mesmo: “Hai que deixar de pintar as paredes dos monumentos e hai que respetar os santos da Porta Santa. E que non faga falta que para cumplir esta tarefa de civismo sexa necesario ter homes a vixiar”, como de feito está a acontecer agora mesmo nos arredores do templo de Santiago.

Máis alá da Catedral

Moi cerca da Quintana, en San Paio de Antealtares e concretamente na rúa que leva á citada praza (Vía Sacra) unha das figuras que adornan a fachada do convento aparecía cun bolso nunha man, unha corda na outra e unha serra á altura do pescozo. Era o 8 de xuño de 1977 e na Praza do Obradoiro a Policía tentaba desactivar un artefacto explosivo. Cómpre lembrar aquí que aqueles eran anos convulsos, en plena Transición cara á democracia, e o movemento estudantil compostelán clamaba por democracia, república, socialismo, etc.

Alén da cuestión política, o vandalismo patrimonial tamén se cebaba, xa daquela, coa Virxe da Cerca. A figuriña, decapitada e restaurada durante o goberno de Gerardo Conde Roa (Partido Popular) en Santiago, xa aparecera sen cabeza no anos 70, década na que esta imaxe era frecuentemente tirada e consecuentemente restaurada. O 11 de marzo de 1978, directamente a figura desapareceu (por completo, non só a cabeza) do seu nicho.

Tampouco se librou, naquela altura, aínda que cun “atentado moito máis benévolo”, a estatua de Afonso II o Casto, nas inmediacións da Facultade de Historia, e o 23 de setembro de 1977 El CORREO recollía con moito humor a noticia de que a tal figura aparecera “encapuchada” cunha caixa de cartón sobre a cabeza. “Al apuesto Alfonso II El Casto (...) musculoso, fragante, como recién salido de una fábrica de seductores, alguien le ha encapuchado sin dejar huella de la reivindicación”, “le han encapuchado despolitizadamente”, engadía a crónica, para rematar: “Bajo esa caja de cartón, sobrellevará con gesto de digna resignación la inclemencia de una asfixia de granito. Por una vez, los barrederos tendrán en este país la ocasión de restablecer el orden público”.

A transición á democracia

A década dos anos 70 estivo tamén marcada polas reivindicacións da esquerda, as estudantís, as nacionalistas. Unha época convulsa na que apareceron aparatos explosivos e outros que só o parecían no Colexio de Fonseca, no palco das festas da Ascensión (na Praza da Quintana) e no mesmo Obradoiro.

Este último requiriu a actuación de policía especializada e chegada da Coruña para poder desartellar o explosivo. Un labor que levou varios días, porque primeiro había que asegurarse de se era ou non un aparello que puidera detonar (no palco das festas da Ascensión era simplemente un artefacto que botaba fume) e unha vez comprobado iso, procedeuse ao seu desartellamento.

Tracking Pixel Contents