DÍA DO TRAXE GALEGO | Álex Regueiro "modista" artesán

“Recuperar hoxe un traxe picheleiro bo é un luxo”

{ Teo, 1977 } O autor da vestimenta que luciu Goretti Sanmartín o Día do Apóstolo comezou no oficio apegado ás agullas da súa avoa, xastra-modista discípula de Carmen Villarramos de Blanco. Amante e investigador do traxe tradicional, que confecciona no seu obradoiro de San Domingo, Álex Regueiro defende a importancia de ir ás raíces pero tamén de “reinventalo”, promovendo así a conservación dun dos sinais de identidade do pobo galego

Cando falamos de traxe tradicional galego, a que traxe nos referimos?

Pois hai traxe de home e de muller, de gala e de cotío. Normalmente, os traxes de gala resérvanse para actos solemnes como unha voda, festas grandes da cidade, recepcións oficiais, etc. Os traxes de cotío adoitan empregarse en circunstancias máis desenfadas: unha xuntanza de amigos para tomar uns viños, unha festa campestre, un xantar nunha romaría, etc. E despois, hai moitas variacións.

Que tipo de traxes confeccionas ti?

Eu fago réplicas de traxes de Santiago e da súa contorna, o que non quere dicir que non sexa quen de facelo doutro sitio, pero estou especializado no desta área, porque é a que investiguei e na que me teño documentado. A confección dun traxe non se limita a unha agulla co seu fío; interveñen factores como a tradición oral, o oficio de coser, as bibliotecas, pinacotecas, hemerotecas, os museos, os arcóns das casas ou a análise de retratos antigos. É a súa suma a que porporciona acabados perfectos.O sinal de identidade do traxe tradicional que elaboro é o método de confeción artesanal. Para o traxe feminino emprego o xeito de coser das costureiras da aldea, e para o traxe masculino o xeito de traballar dos xastres, froito do legado familiar que xeración tras xeración se nos ten transmitido.

De onde sacades os patróns para facelo?

No noso obradoiro, os patróns extráense de prendas antigas, mais cando isto non é posible reprodúcense a partir dos tratados de xastrería e modistería dos séculos XVII, XVIII e XIX. Aínda que o paso do tempo e as novas tecnoloxías minguaron a súa produción, eu trato de buscar en orixe todos os materiais que xastres e modistas empregaron no pasado para engalanar os seus contemporáneos: panos de lá, sedas indias, brocados ingleses, fíos holandeses, liño galego, estameñas do Courel, abalorios checos e italianos, fitas e galóns de múltiples orixes, etc.

Álex Regueiro, o modista artesán do traxe tradicional galego

Álex Regueiro, o modista artesán do traxe tradicional galego / Alfredo Iglesias

Dos que tes feito, con cal quedas? 

Se teño que escoller un fito histórico na miña carreira, foi a posta en valor dunha peza do traxe, unha saia, taboada na súa parte baixa, que requiría un técnica moi complexa para a súa elaboración, manual, no ano 1996. Foi unha peza que rexistrei.

Dicías antes que hai moitas variacións. Pódese falar dun único traxe tradicional galego? 

Visualmente, para unha persoa de máis alá do Padornelo, cando o ve, identifícao co traxe tradicional de Galicia. Pásanos a nós co traxe flamenco, que non sabemos dicir se é cordobés, canastero, de sevillana… Vemos volantes e sabemos que é flamenco. Pois co traxe galego pasa o mesmo. A xente de aquí si é capaz de ver as diferenzas que hai e que veñen dadas polo lugar, os seus intercambios comerciais, por onde chegaban e que mercadorías… Ten que ver coas condicións socioeconómicas e tamén coas políticas. Na noite, por exemplo, nas normas de etiqueta, os traxes tradicionais teñen o mesmo rango que o frac, cumpren igualmente co protocolo.

Nós non sabemos dicir se un traxe flamenco é cordobés, canastero, de sevillana… Vemos volantes e sabemos que é flamenco. Pois co traxe galego pasa o mesmo

Que influencia teñen eses condicionantes que mencionabas na vestimenta? 

Pois en zonas máis incomunicadas, onde os tecidos eran máis escasos, a vestimenta é diferente á daquela outra situadas na costa, onde chegaban barcos, ou á do sur de Galicia, na raia con Portugal. Na Mariña, por exemplo, ao igual que en Sada, o indiano tivo moito peso. Estes factores inflúen. O vestir estivo regulamentado no seu momento. As normas da Corte de Madrid, por exemplo, prohibiron o uso dos basquiños de cor en toda España, a excepción da nobreza e da realeza. 

Recibes moitas encargas para confeccionar traxes tradicionais? Cal é o custo dun?

Non recibo moitas encargas de traxe tradicional, pero é unha cuestión de prezo. Non podo dicirche canto porque o límite pono cadaquén. Eu traballo cos tecidos e ornamentación orixinal. O traxe picheleiro, que por certo se está a perder, era de gala, un traxe moi rico, con bordados en moitas cores e moi traballados. Esta era unha comarca podente, bordábanos con acibeche e levaban botóns de prata. Agora mesmo, recuperar un traxe picheleiro bo é un luxo. Ademais, hai moita présa por todo, a xente quere un traxe para xa e facer unha vestimenta tradicional é unha tarefa de meses. 

Álex Regueiro, o modista artesán do traxe tradicional galego

Álex Regueiro, o modista artesán do traxe tradicional galego / Confío

Que opinas da fusión do tradi que está a impulsar a música, tamén no xeito de vestir sobre o escenario?

Se vemos fotos de comezos de século, as mulleres conservaron moito máis que os homes o traxe tradicional. Elas van así vestidas e eles xa teñen outro vestiario, coma o dos nosos avós. Prefecto Feijóo foi o grande ideólogo para conservalo a través das agrupacións de coros e danzas. Temos aí a Xacarandaina ou Cantigas e Agarimos, formacións que fixeron un gran labor conservador. Daquela funcionou moi ben porque detrás estaban filántropos, como o farmacéutico Prefecto. Investigaban e conservaban. Pero é necesario combinar isto cun “novo traxe tradicional galego”. 

Eu referíame ás Tanxugueiras, Catuxa Salom, Berto, Davide Salvado… pódese falar de revolución da moda tradicional? 

Eu este 25 de xullo apenas vin xente vestida co traxe galego. Nas Fallas ou no Pilar arrasa, todo o mundo saca os seus traxes. En Valencia mesmo teñen que cumprir uns requisitos para poder desfilar. A revolución pasará por unha reconciliación cos defensores do traxe máis purista. Hai xente que está facendo un traballo de recuperación moi bo, pero evolucionar é o que o mantén vivo. Se todo evoluciona, se se fai na gastronomía e podemos deconstruír un caldo, por que non un traxe tradicional? De aí o agradecemento por como quixo vestir a alcaldesa, porque confiou no comercio local e nos artesáns da cidade. Artesanía de Galicia e Galicia Calidade deberían tomar nota e abrir o selo á confección para contar con máis apoio e manter vivo o traxe tradicional que é parte da nosa cultura. 

A psicóloga Rosa Álvarez, recollendo a súa distinción no Alba de Compostela

A alcaldesa Goretti Sanmartín, co traxe de tres pezas confeccionado por Álex Regueiro, entregando o recoñecemento do Alba de Gloria á psicóloga Rosa Álvarez / Jesús Prieto

Cara onde debería ir entón o traxe tradicional para garantir a súa conservación e que se poña de moda?

Necesita evolucionar, e nós inspirarnos máis no noso. Temos os elementos suficientes na nosa cultura para poder idear como facelo. Mira Elena Ferro, o exemplo de como algo pode evolucionar con moito gusto. Non se trata de coller un chaleque de 1850 e poñelo cuns vaqueiros. Non falo diso. Hai que actualizar ese chaleque. Hai que saber diferenciar o que é un traxe artesán tradicional e unha obra de nova creación con técnicas avanzadas. As formas de traballo evolucionan co tempo, pero o que non deben estas últimas é suplantar as primeiras.

Nas normas de etiqueta, os traxes tradicionais teñen o mesmo rango que o frac, cumpren igualmente co protocolo

Iso foi o que fixeches co traxe que luciu a alcaldesa o Día do Apóstolo, actualizar o traxe tradicional?

Tiña unha chaqueta e un chaleque, unha fusión entre a “chaquetilla” de home e o xustillo de muller. O traxe bebe do Santiago dos anos 20, cando a cidade non vestía practicamente de traxe galego. Santiago era moderna, dialogaba con París. Aí estaba o Quiqui Bar, no edificio Castromil. Era moi adiantada ao seu tempo. Daquela xa había mulleres como Goretti, estaban Coco Chanel ou Marlene Dietrich e Katharine Hepburn. Mulleres moi rupturistas, que se apoderaron do pantalón masculino. Despois está a cor dourada, moi empregada no traxe tradicional por Álvarez de Soutomayor. A cor amarela é moi galega, tamén na ourivería, un gremio fundamental na cidade e ela levaba unha pulseira de Susi Gesto. É moi importante que o traxe teña unha representatividade, que se recoñeza como elemento identitario. Niso lévannos moito adiantado os ingleses. Mira o rei Carlos III que leva a saia nos actos oficiais porque o representa, identifícao con Escocia e coa súa tradición.