Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A reforma da cafetaría da facultade de Historia encara o seu camiño de apertura á cidadanía

A xerencia da Universidade reuniuse cos principais colectivos de hostalaría de Santiago na busca de suxestións que mellore os pregos

Este venres reuníronse o equipo de xerencia da USC e o sector hostaleiro compostelán / Santi Alvite

Este venres reuníronse o equipo de xerencia da USC e o sector hostaleiro compostelán / Santi Alvite / Redacción

Redacción

Santiago

A comezos do mes de xullo coñecíamos a noticia da reforma total da cafetaría da facultade de Xeografía e Historia da USC (Universidade de Santiago). Un proxecto que se licitará no mes de setembro e que conta cun orzamento de 600.000 euros. Onte, a xerencia da USC reuniuse cos 28 colectivos máis representativos do sector hostaleiro da cidade e cos representantes das empresas concesionarias deste tipo de servizos na Universidade.

O obxectivo desta reunión, segundo comunicou a propia USC, é o de “escoitar as achegas do sector hostaleiro e as súas suxestións de mellora”, con respecto ao prego de prescricións técnicas. “Este é un proxecto para a sociedade e a cidadanía de Compostela que afonda na relación entre Universidade e cidade ao tempo que busca colaborar no cambio de modelo turístico de Santiago”, sinalou o xerente da USC, Javier Ferreira, que tamén detallou que o prego “avanza na concepción dos espazos universitarios como puntos de encontro, de convivencia, entre Universidade e cidade”. Este é un proxecto de “universificación”, continuou Ferreira, no que a USC “abre as súas portas facendo cidade dende a Universidade para que a cidadanía sinta a Universidade súa”.

Dende Hostalaria.gal e a Asociación Hostalaría Compostela (AHC), os seus representantes Lois Lopes e Ramón García, respectivamente, valoraron positivamente o contacto da Universidade co sector. “Poñer ao alcance da sociedade e do sector hostaleiro unha presentación tan detallada do proxecto” foi algo que agradeceu Lopes, quen destacou que “esta é unha boa fórmula para poñer en valor a Universidade, ademais de atoparse nun espazo único”.

Ramón García, pola súa banda, explicou que “a ‘universificación’ da cidade máis que preocupación polo fluxo turístico profunda na necesidade de canalizalo e traballar con el”, na busca, afirmou de “acadar unha boa convivencia entre a poboación e o turismo”.

Estas instalacións da Facultade de Xeografía e Historia son consideradas pola USC como “un lugar singular que pode achegar un gran valor ao obxectivo de dinamizar este tipo de instalacións”. Por iso, explican dende a Universidade “no prego pídense propostas que acheguen un nivel de calidade alto nos seus servizos, apoiados nun cadro de persoal profesionalizado e unha oferta de alimentos e bebidas acorde, baseada na calidade dos produtos, saudables e na medida do posible de proximidade, aptos para todo tipo de público e onde se ofrezan unha variedade de servizos que poidan satisfacer a todas as tipoloxías de clientes”.

O obxecto do prego de prescricións técnicas é establecer as condicións que deben rexer o contrato de concesión para a explotación e xestión da cafetaría-restaurante.

Tracking Pixel Contents