Os acordos aprobados pola Xunta de goberno local
"Unha obra necesaria": Sanmartín aproba a rehabilitación integral do pavillón de Vite
A obra, cualificada pola alcaldesa como “necesaria”, subscríbese aos fondos Next Generation e agárdase que comece en xaneiro

Recreación do interior do pavillón de Vite / Concello

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este luns en rolda de prensa os acordos aprobados pola Xunta de goberno local, onde o máis destacado é a rehabilitación integral do pavillón polideportivo do barrio de Vite. "Unha obra necesaria", segundo explicou Sanmartín, por tratarse dunhas instalacións da década dos 80 e as únicas adaptadas para a práctica do hóckey a patíns.
A previsión do goberno local é que as obras dean comezo en xaneiro de 2024. Ligada aos fondos Next Generation, esta rehabilitación integral do pavillón de Vite conta cun orzamento de 1.325.276,86 euros e a concelleira de deportes, Pilar Lueiro, “xa está a traballar”, segundo comunicou a alcaldesa, na busca doutras instalacións para derivar as actividades do polideportivo mentres duren as obras. Un período que se calcula que sexa de seis meses.
As asociacións de carácter cultural e os acordos e axudas municipais con elas foron outro dos asuntos tratados na xunta de goberno. A Central Folque recibirá 20.000 euros para a promoción e divulgación do baile e da música tradicional, mentres a Asociación Cultural (AC) Rocha Forte percibirá unha subvención de 5.000 euros para a realización tamén de actividades culturais. Así mesmo, a xunta local acordou a aprobación do convenio de colaboración coa empresa El Corte Inglés nas festas do Apóstolo deste ano, en concreto no relativo ao Día do Traxe Galego.
Na área de educación, o concello aprobou a orde de continuidade da Escola de tempo libre Don Bosco, cuxo contrato remata a finais deste mes, para que a entidade poida seguir prestando o servizo de atención á infancia para a conciliación da vida familiar, laboral e persoal na ludoteca do barrio de Fontiñas, no espazo María Miramontes, “nas mesmas condicións que o viña facendo e polo tempo imprescindible para adxudicar un novo contrato”.
A Fundación Universidade de Santiago de Compostela é outra das beneficiarias dos convenios de colaboración do Concello de Santiago, en concreto en canto ás actividades deportivas do Campus Verán da USC, cunha dotación orzamentaria de 9.000 euros. Tamén en relación coa universidade compostelá, a xunta de goberno aprobou un convenio de colaboración, por valor de 11.000 euros, para o financiamento de “actividades dirixidas á formación, difusión e sensibilización en materia de igualdade de xénero”.
Con 30.000 euros, o concello subvencionará a Cáritas Diocesana para o desenvolvemento do seu proxecto Vagalume, un programa de “atención integral a mulleres en contextos de prostitución e (ou) vítimas de trata con fins de explotación sexual” e que, entre outras cousas, ofrece a estas mulleres asesoramento xurídico (para que poidan regularizar a súa situación, xa que o 90 % delas son mulleres de orixe latinoamericana), laboral e psicolóxico.
Seguindo na área do social, o concello tamén deu curso á sinatura do convenio coa Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes), por valor de 3.000 euros; e co centro sociocultural Juan XXII, por valor de 60.000 euros. Así mesmo, polo trátime de urxencia adxudicouse o contrato municipal de Subministración de material de oficina e cadeiras a Paipel-OR SL e Mobiliario de Oficina SL, respectivamente por valor de 42.010, 37 euros e 6.000 euros ao ano durante dúas anualidades. Nesta liña, excluíuse á empresa Agroliber SL deste tipo de contratos.
A alcaldesa de Compostela tamén fixo referencia a dúas sentenzas favorables ao concello, unha delas en materia de tráfico e outra vencellada ao Auditorio de Galicia e ao festival de cine Cineuropa. “Unha das empresas concursantes”, lembraba Goretti Sanmartín, “presentara unha reclamación ao concurso para o festival Cineuropa sobre os criterios de baremación do mesmo”. Un asunto que se resolveu en favor do Auditorio de Galicia.
A rexedora municipal falou das cuestións que ten pendentes coa presidencia da Xunta de Galicia, como poden ser a taxa turística ou o aparcamento do Hospital Clínica de Santiago (CHUS). Preguntada sobre isto último pola prensa, a rexedora de Santiago explicou que “como xa é sabido o presidente da Xunta dixo que se xuntaría co concello logo das vacacións”, polo que dende o goberno municipal “unha vez remate agosto preguntaremos se xa se pode poñer data para esa xuntanza”. Sanmartín quixo recalcar que “nós estamos ao pé do traballo e no momento que nos digan temos todo preparado para poder acudir a esa reunión coa presidencia da Xunta”.
Bernardino Rama e a Pokémon
A Xunta de goberno local deste luns tamén aprobou o aboamento da defensa e representación do exconcelleiro socialista Bernardino Rama por un valor total de 31.375,30 euros en concepto de gastos de representación derivados das dilixencias previas da investigación e xuízo dadenominada Operación Pokémon.
Un caso sobre o que o xulgado de instrucción número 3 de Santiago ditou o seu sobreseimento por prescripción dos feitos en xaneiro de 2020. “Bernardino Rama foi investigado durante o proceso da operación Pokémon”, lembrou Goretti Sanmartín, “e unha vez sobreseído o caso deben percibir a cantidade que gastaron para a súa defensa xurídica, igual que en anteriores ocasións".
- III Feria de Antigüedades y coleccionismo, este sábado y domingo en el Outlet Área Central
- El restaurante de Santiago que ha enamorado a un conocido influencer gastronómico: 'Volveré, directo a mis favoritos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Buscan unos figurantes muy especiales para una «gran producción de época» que pronto se rodará en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- Santiago abre las rebajas sin grandes colas y con tiendas cerradas por la huelga: «Ya no son lo que eran»



