Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O alumnado da USC recupera a palabra 90 anos despois de Del Riego pedindo máis financiamento

O presidente do Consello do Estudantado esixe na apertura do curso unha “universidade máis democrática, e consciente da nosa realidade”

O reitor lembra iniciativas como as becas e o millar de prazas nas residencias

Milagros Fernández Pérez, esquerda, o reitor Antonio López, Dulce María García Mella e Emilio Vázquez Lage, na apertura do curso

Milagros Fernández Pérez, esquerda, o reitor Antonio López, Dulce María García Mella e Emilio Vázquez Lage, na apertura do curso / santi alvite

Koro Martínez

Koro Martínez

Santiago

Cunha denuncia sobre o que calificou como “un exiguo financiamento” por parte das administracións competentes na universidade pública, Emilio Vázquez Lage protagonizou onte un momento histórico no acto de apertura do novo curso académico da USC ao convertirse no primeiro alumno en facelo desde hai 90 anos, substituíndo ao entón tamén estudante da institución compostelá Francisco Fernández del Riego.

O presidente do Consello do Estudantado da USC agradeceu ao seu antecesor e ás persoas que como el fixeron posible “que hoxe poidamos falar no noso idioma nun acto solemne da universidade”, e tras asegurar que nestas nove décadas a sociedade galega mudou, destacou a importancia dos dereitos humanos, e dixo que “cada dereito conquerido é unha flor da loita á que dedicar atención e coidado para mantela viva”.

Entre os paralelismos dos tempos nos que Del Riego foi universitario e os que a el lle tocan vivir, falou da gripe do 18 e da pandemia da covid, na que quedou patente que “o benestar persoal, da comunidade universitaria e do estudantado pasa por unhas boas condicións materiais de vida, acompañado dun ambiente social de respeito, libre de medo e violencia”. Emilio Vázquez referiuse á saúde mental e a un estudo segundo o que máis da metade do estudantado universitario español precisou de axuda por problemas deste tipo.

O presidente do Consello do Estudantado centrou boa parte da súa intervención na necesidade de loitar por “unha universidade pública de calidade, máis democrática, máis transparente e máis consciente da nosa realidade”, e chamou a atención sobre o feito de que “a flor do acceso á universidade para estudantado de toda orixe socieconómica leva marchitando anos” por unha falta de dotación orzamentaria necesaria que, máis que situar á universidade como unha vía de ascenso social, “para moitas persoas segue habendo só escaleiras”.

Asegurou que unha de cada tres persoas de entre 18 e 26 anos traballa e estuda, o que “convídanos a pór en cuestión o compromiso das administracións competentes co carácter público da universidade”. E defendeu o traballo do Consello do Estudantado como unha ferramenta de interlocución e posta en común da realidade do alumnado.

Nun acto no salón nobre do Pazo de Fonseca que contou coa presenza de destacadas autoridades, entre elas as alcaldesas de Santiago e Lugo, Goretti Sanmartín e Lara Méndez, respectivamente; así como cargos da Universidade de Vigo como Alfonso Lago e Ernesto Pedrosa, ou da USC como Cecilia Sierra, María José López, Ernesto Xosé González ou María Pilar Murias, o reitor definiu como un momento simbólico pero trascendental o deste venres ao “recuperar a voz do estudantado”.

Antonio López reivindicou a necesidade deste tipo de intervencións porque o alumnado conforma un “elemento esencial” para a institución universitaria. Coincidiu con Emilio Vázquez na necesidade de ver ao estudantado como algo máis que meros alumnos, e coa demanda do compromiso financieiro, “na liña dese 1 % do PIB comprometido pola Lei do Sistema Universitario Español (Losue) para que poida seguir funcionando como ascensor social”. Unha nova normativa legal que implica unha reforma estatutaria, unha aposta pola investigación e a transferencia de coñecemento ou unha reformulación das categorías de persoal docente e investigador, procurando reducir a precariedade e a temporalidade.

Mencionou entre os retos futuros da USC a concreción dos proxectos de infraestruturas como a Cidade da Saúde ou o traslado de Formación do Profesorado, un esforzo inversor que “só é posible se mantemos a contención do gasto corrente, se contamos coas achegas da administración autonómica”, e subliñou a importancia das iniciativas de carácter social, poñendo o acento no mantemento da “oferta de máis de mil prazas en residencias propias da Universidade e a prezos que, para quen se atope nos tramos máis baixos da renda se sitúan en 46 euros mes se o cuarto é compartido ou 62 se é individual”, nun momento no que “as solucións habitacionais para os nosos estudantes presentan cada vez máis dificultades e incrementan substancialmente o seu custo”.

Entre esas liñas fixo referencia as axudas para o estudantado coa condición de refuxiado ou en situacións de especial necesidade, ou os bonos comedor, “destinando 500.000 euros para que as circunstancias sociais ou económicas non sexan un obstáculo” na formación dos universitarios.

Antonio López quixo que o acto deste venres fóra ademais unha homenaxe da USC a Francisco Fernández del Riego e ao Seminario de Estudos Galegos “por sementar os aires novos que fixeron da de Santiago unha universidade galega, comprometida con seguir sendo o cerebro de Galicia para espallar cultura e coñecemento máis aló dos lindes naturais da nosa terra, tal como nos imaxinou Castelao”.

Universitarias pioneiras

Tivo ademais palabras de recoñecemento para as pioneiras do acceso da muller á universidade, “unha transformación na que moito se ten avanzado, pero na que aínda temos moito camiño por recorrer”, lembrando que se cumpren cen anos desde que Luisa Cuesta Gutiérrez rematara Dereito na USC, sumándose a outras como Manuela Barreiro Pico no ámbito da Farmacia ou Elisa e Jimena Fernández de la Vega en Medicina.

Dulce María García Mella, na súa condición de secretaria xeral da Universidade de Santiago, foi a encargada de ler a memoria do pasado curso, poñendo enriba da mesa datos como os 20.000 estudantes de grao matriculados, os 2.200 de mestrado e preto de 2.600 de doutoramento, cun 62 por cento de mulleres nas aulas ou os 870 estudantes de programas de mobilidade entrante e de convenios bilaterais. Sinalou que un 32 % do estudantado de doutoramento era estranxeiro e que iniciarion os seus estudos de grao no 2022/2023 un 3 % máis de estudantes que no anterior.

Apuntou que a USC acadou en 2022 vinte millóns de euros de financiamento nacional en proxectos de investigación e conseguiu incorporar 200 investigadores, a metade deles predoutorais e 17 vinculados ao programa Ramón y Cajal.

Mencionou tamén a formalización en escritura pública da compravenda do antigo Hospital de Galeras, as obras do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e as de reforma do Colexio Maior San Clemente, a Facultade de Química ou a concreción do proxecto Cidade da Saúde.

A lección maxistral da apertura do curso correu a cargo da catedrática da Facultade de Filoloxía Milagros Fernández Pérez, quen centrou a súa intervención na Lingüística xeral proxectada, nun discurso no que puxo exemplos da súa propia familia. Considerou que “somos como falamos”, e resaltou que a comunicación descansa na reciprocidade efectiva entre emisor e receptor.

A apertura oficial do curso académico, na que o grupo Solo Voces ofreceu varias pezas, rematou coa interpretación por parte de todos asistentes do Gaudeamus igitur.

TEMAS

Tracking Pixel Contents