O Concello de Santiago deu luz verde á convocatoria de axudas destinadas a financiar os gastos derivados das actuacións de rehabilitación dos edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbana (ARRU) do ámbito do barrio de Vite e da cidade histórica, con cargo aos convenios asinados por Raxoi no marco do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación (PEV) 2018-2021.
No caso do barrio de Vite, a convocatoria destinará un importe total de 672.000 euros para levar a cabo un máximo de 96 actuacións. Pola outra banda, na cidade histórica, prevese unha achega de 84.924 euros que poderán financiar ata un máximo de 50 actuacións.
Todas estas axudas serán sufragadas coas achegas do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e a Xunta de Galicia no marco do PEV 2018-2021.
Beneficiarios
As persoas físicas promotoras das actuacións, na súa condición de propietarias, arrendatarias ou titulares dalgún dereito de uso sobre algunha vivenda ubicada nesta área poderán ser beneficiarias.
As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou nos seus rexistros auxiliares durante un mes contado a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Poderán acollerse a estas axudas aquelas actuacións de mellora da accesibilidade que inclúan a instalación dun ascensor, as de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, e aquelas para a conservación e adaptación á normativa vixente.
Só se consideran actuacións subvencionables aquelas que se realizan sobre elementos e instalacións comúns dos edificios colectivos, ou sobre a envolvente, as instalacións e a consolidación e reposición de elementos da estrutura tradicional de madeira, no caso das vivendas unifamiliares.
O 31 de decembro de 2026 será a data límite de xustificación das axudas.