O PP reclama máis policía para acabar co punto de venda de droga de Xoán XXIII

O edil De la Fuente apela aos datos do Ministerio do Interior: “É indubidable que a delincuencia se incrementa en Santiago”

O goberno municipal asegura que a Policía leva semanas actuando en Xoán XXIII

O goberno municipal asegura que a Policía leva semanas actuando en Xoán XXIII / Jesús Prieto

Redacción

A pasada semana o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, era preguntado sobre o punto de tráfico de drogas detectado na avenida Xoán XXIII e ,ao igual que a alcaldesa Goretti Sanmartín, o edil mantiña que a policía levaba xa semanas vixiando a zona, que xa se fixeran detencións e que se seguiría traballando nesta cuestión.

Pero estas explicacións non son suficientes para o Partido Popular compostelán e así o explicaba o edil José Ramón de la Fuente. “Con dicir que a policía está investigando e que se incrementará a presenza policial” non se resolve o problema porque a estas alturas esa resposta xa non é suficiente para calmar a desesperación dos veciños”, manifestou.

Para o edil do PP, “non é de recibo que levemos meses cunha situación grave de venda de droga, con todo o que iso conleva: pelexas, roubos, defecacións na rúa, comportamentos incívicos e un trasego de xente que ten atemorizada á veciñanza”. O concelleiro popular lamentou que a alcaldesa “sexa consciente de que en Santiago temos un grave problema de falta de efectivos, de todos os corpos e forzas de seguridade, pero non poña remedio”.

José Ramón de la Fuente fixo extensiva a súa denuncia sobre a situación de Xoán XIII a outros barrios da cidade, como Conxo ou Fontiñas. “As cifras falan por si soas”, engadiu De la Fuente, “as estatísticas do Ministerio de Interior son ben elocuentes, non admiten discusión, é indubidable que a delincuencia se está a incrementar en Santiago, e non se están poñendo enriba da mesa medidas, nin vemos disposición que permita albergar esperanza de que este estado cambie a curto prazo”.

O concelleiro De la Fuente, que insistiu en que a situación non se pode mellorar sen incrementar os cadros de persoal das forzas de seguridade, asegurou que as actuacións do goberno local só van servir “para calmar os ánimos nun lugar agora tensionado, distribuirán tarefas para incidir especialmente nel, pero ao ter unha endémica carencia de efectivos, inevitablemente terán que saír doutras tarefas ou destinos, e polo tanto, desvestirase un santo para vestir outro”.

Por todo isto o PP denuncia que “só hai unha maneira de afrontar os graves problemas de seguridade que se están a manifestar na cidade, e non é outra que incrementar as plantillas da policía, cuxas ratios por habitante están moi por debaixo dos mínimos técnicamente recomendables”. Para o Grupo Popular a delincuencia e os comportamentos incívicos vinculados ás “drogas e a ocupación” esixen “determinación, firmeza e contundencia” e dotar á policía dos medios necesarios. “Con simplemente boas intencións os problemas seguirán aí presentes”, lamentou o edil popular.