Santiago consolídase como un destino internacional con atractivo turístico. No pasado mes de agosto, a cidade sumou 212.045 pernoctacións, cun crecemento do 2,4% respecto do mes de agosto do 2022, cando se celebrou o Ano Santo. Así o confirman os datos de agosto da Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE. O incremento do pasado mes apoiouse no turismo internacional, que continúa tendo cada vez máis presenza na cidade. Así, fronte ás 67.450 pernoctacións de agosto do 2022, neste agosto a cifra chegou ata as 75.273, cun aumento do 11,6%.

Este crecemento foi acompañado dun lixeiro incremento da tarifa media diaria que segundo, o INE, situouse en 94,8 euros, un 1,8% máis que en agosto de 2022. En total, suman xa 491.875 pernoctacións nos oito primeiros meses do ano, un 21,4% máis que no mesmo periodo do Ano Santo pasado. Analizando os datos de turistas domésticos e internacionais, os establecementos hoteleiros da cidade rexistraron ata agosto 1.084.668 pernoctacións, un 7,9% máis que 2022.

De continuar con tendencia no último cuatrimestre do ano, Compostela superaría o máximo histórico de pernoctacións logrado o ano pasado, cando se superou por primeira vez a barreira do millón e medio e sería a primeira vez que o ano posterior a un Ano Santo consigue superar as cifras do mesmo.