Fusión de jazz e ritmo cubano hoxe en Maré
CLAUSURA. A xornada de clausura do Festival Maré conta coa actuación, este serán ás 20 h. na Capitol, de Alexander Abreu & Havana D’Primero. Dezaseis músicos no escenario para fusionar os ritmos cubanos, o jazz e a música contemporánea e crear o son fresco e contaxioso. Na despedida de Maré tamén tocarán: É Romeriák e a Banda das Crechas (12 h. Teatro Principal), Nidia Gongora e Fado Bicha (18 h. Principal), Sumrrá (22 h. na Casa das Crechas) e DJ Panko, no mesmo lugar ás 00.30 horas.
O festival Go!Go!Zo! di adeus coa Casa do Rock
MÚSICA. O Monte do Gozo acolle hoxe a última xornada de música da terceira edición do festival Go!Go!Zo!. Ás 12 mañá está prevista a actuación de A Casa do Rock, un colectivo dedicado a formación e produción musical que dispón dunha escola especializada na ensinanza do ritmo que lle dá nome. Despídese así Go!Go!Zo! que botou a andar o 10 de xuño e contou cunha corentena de actividades e actuacións musicais repartidas entre a semana e a as fins de semana. Entre as iniciativas levadas a cabo pola organización do festival cómpre destacar as sesións GoGozoJam, cun escenario disposto para aqueles músicos que quixesen amosar o seu bo facer nunha jam session, ou Ritmos no Camiño, en homenaxe aos países que máis peregrinos envía a Santiago.
Xornada de limpeza de ríos con Adega
ECOLOXISMO. A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) organiza hoxe en 52 concellos unha xornada de limpeza de ríos, tamén en Santiago, onde colaboran con Adega Compostela as asociacións AA.VV Río Sarela e AFA Montessori. O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas de participación cidadá.
A experiencia vital a través da mirada de quen fai o Camiño de Santiago
FOTOGRAFÍA. Até as 14.45 horas pódese visitar a exposición ‘In itinere’, do fotógrafo da Baña Javier Iglesias Ramos. Este artista que vive dacabalo entre Compostela e Bérgamo e que pasou longas tempadas en Irlanda, chega ao Museo das Peregrinacións con esta mostra para a que se desprazou a Roncesvalles a fotografar os peregrinos, aos que volveu retratar xa en Compostela, coa intención de atopar no seu rostro o cambio vivido na Ruta Xacobea.