Reunión o 2 de outubro entre Sanmartín e Rueda
Santiago demándalle á Xunta 8,6 millóns de euros polo custo da capitalidade: agora recibe 2,39
Na actualidade, a cantidade que Compostela percibe da Xunta é catro veces menor, 2.390.000 euros
A cifra que sae do novo estudo será unha das cuestións a tratar na reunión co presidente Rueda o día 2 de outubro

Santiago demándalle á Xunta 8,6 millóns de euros polo custo que supón a capitalidade / Concello de Santiago

O estudo encargado polo goberno local para actualizar o custo que lle supón a Santiago a capitalidade galega cifra éste en 8.634.310 euros, unha cantidade que se atopa moi lonxe dos 2.390.000 euros que a cidade recibe actualmente e dos 5,5 milóns de euros que establecía o último estudo realizado no ano 2004. Así o comunicaba na mañá de onte a alcaldesa, Goretti Sanmartín, ao remate da roda de prensa semanal na que a rexedora dá conta dos acordos da xunta de goberno local.
O custo da capitalidade e a achega que fai a Xunta de Galicia, “eses pouco menos de 2.400.000 euros”, afirmaba a alcaldesa, é “unha das cuestións que queremos tratar na reunión do día 2 de outubro co presidente da Xunta e que lle faremos chegar xa”. Os 2.390.000 euros que recibe son, en palabras de Sanmartín “a cantidade máis baixa” en comparación coa que perciben outras cidades do Estado. “Por exemplo Pamplona recibe seis millóns de euros, Palma de Mallorca 31 millóns, Gasteiz-Vitoria 10 millóns de euros, Logroño 13 millóns...”.
A raíz da cifra que arroxa este novo estudo o goberno local entende “que esa cantidade ten que axustarse dende xa, non imos poñer enriba da mesa que se pase directamente a esa cantidade, pero si que se vaia paulatinamente e cunha cifra considerable corrixindo o desaxuste desta compensación económica para adecuala ao cálculo utilizado”, explicaba Goretti Sanmartín.
A rexedora informou tamén de que a estimación do novo estudo do custo da capitalidade ten en conta aspectos coma as perdas de ingresos por custos de oportunidade do solo, “que establecen por exemplo unha “reserva de espazo físico para funcións administrativas e déixanse de cobrar algunhas cuestións relacionadas coa fiscalidade”, unha cifra que ascende aos 284.589 euros. Os custos de conxestión derivadas da intensidade de uso das infraestruturas viarias tamén ligadas á capitalidade cífranse en 713.231 euros, neste sentido a alcaldesa mencionaba que diariamente entran na cidade máis de 200.000 vehículos.
“Todo o que ten que ver con seguridade necesaria e vinculada á capitalidade significan 5.739.901 euros e entendo que ten que haber un reforzo da seguridade e un incremento substancial da Policía local”, afirmaba Sanmartín. O estudo tamén cifra os custos de uso e potenciación do galego, que supera os 200.000 euros (227.427 euros) e as cuestións vinculadas ao patrimonio, á representación e ao turismo que supoñen un custo de 1.669.160 euros.
“Recordemos que hai máis de 1.800 edificios con especial protección e tamén cuestións de patrimonio natural ás que lle hai facer fronte”, lembraba Sanmartín. Unhas cantidades que suman os citados 8.634.310 euros.
A esperada cita do 2 de outubro
A cifra de 2,39 millóns de euros deriva do último convenio entre o goberno local e o autonómico, asinado este ano e contemplando a mesma dotación económica que no exercicio anterior. “Entedemos que a Xunta de Galicia debe de comprometerse nun incremento dese custo da capitalidade de maneira progresiva”, insistía a alcaldesa para reiterar tamén que onte mesmo se faría chegar o documento ao goberno autonómico para ser tratado na vindeira xuntanza entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o vindeiro luns.
Xa na oposición, o BNG denunciaba a “discriminación histórica” polo desafase entre a cantidade que achega a Xunta e a que estimaba a Universidade compostelá (USC), 5,5 millóns, unha cifra que fica agora desactualizada á vista do novo estudo. A eses máis de oito millóns e medio sumaríase, segundo as intencións manifestadas polo goberno local dende a súa chegada á Alcaldía a implantación dunha taxa turística. Sobre a cuestión turística, o pasado mes de agosto o Concello remitiu ao goberno autonómico un estudo encargado á USC pola anterior corporación para establecer un pequeno tributo de entre 0,5 e 2,5 euros por viaxeiro e pernoctación, dependendo do tipo de aloxamento, e cuxa análise estimaba que as arca municipais poderían recadar entre 2,5 e tres millóns de euros adicionais.
Pero a xuntanza do vindeiro luns non só abordará a cuestión da achega autonómica á capital galega. A alcaldesa Sanmartín leva na orde do día cuestións que afectan máis alá do termo municipal, como a EDAR da Silvouta, unha estación depuradora que permitirá “o saneamento do río Sar”, explicaba días atrás a alcaldesa logo da súa xuntanza co rexedor de Ames, Blas García.
O Parque Comarcal de Bombeiros será outra das cuestións que a nacionalista poñerá enriba da mesa, de cara a que a administración autonómica se implique economicamente. Da mesma maneira que se buscará a cooperación das distintas administracións para incrementar a partida do Consorcio de Santiago pensando na rehabilitación de vivendas.
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- Estos son todos los cortes de tráfico por el desfile de Carnaval de este martes en Santiago
- Un restaurante de Santiago conquista la alta cocina y suma su primer Tres Soles Repsol: 'Ha construido un universo propio
