Jorge García é profesor de Socioloxía na USC (Universidade de Santiago de Compostela) e un dos artífices do Taller 20: patriarcado e estrutura social, repercusións a nivel laboral que recentemente se impartiu na Cidade da Cultura. Un obradoiro focalizado en catro temas, “a reflexión última sobre as estruturas que contribúen dende o punto de vista patriarcal a seguir profundizando” na fenda laboral, explica o profesor. Unha fenda da que non escapa Compostela, por máis que sexa unha cidade na que abunda o traballo na función pública e que ademais é universitaria, pero como ben reflexiona Jorge García, “en 500 anos de universidade non houbo aínda unha reitora”.

O profesor recalca que o problema do patriarcado, tamén no nivel laboral, é que se dá no “macro”, por iso non se libra ningunha cidade. Para o sociólogo o interese está “nos firewalls, os atrancos das mulleres á hora de seguir subindo pola escaleira profesional”, que puntaliza que teñen “que ver coas conciliacións”. “Falamos do homo economicus”, explica García en relación á obra de Katrine Marçal ¿Quién le hacía la cena a Adam Smith? (Una historia de las mujeres y la economía) para facer entender “a economía dende a óptica patriarcal, a man negra”. “A nai de Adam Smith non cobraba por servirlle a cea e el podía elucubrar, esa man invisible na economía oculta un corazón invisible, hai un traballo detrás moi invisible”, afirma o sociólogo, que fai fincapé na importancia das “tarefas que non forman parte do PIB (Produto Interior Bruto), non remuneradas e que teñen consecuencia directa no mantemento dunha sociedade patriarcal”.

Jorge García indica que as estatísticas arroxan unhas cifras que as situán “a elas” na economía informal, na que non conta, nos empregos temporais e que redundan nunha maior dificultade para “abandonar os postos de traballo máis precarios”. “Interésanos todo o que é a devaluación do traballo feminino, un tema moi sociolóxico, unha cultura que devalúa o traballo das mulleres de tal maneira que sempre vale menos que o traballo que realizan os homes”, afirma.

O sociólogo da USC fai referencia mesmo a traballos que implican un plus de perigosidade, cando son desempeñados por un home, “ligados á manipulación de maquinaria” pero non a, por exemplo, “produtos químicos para a limpeza”, tarefas habitualmente desempregadas por mulleres. “Se hai que deixar de traballar para prestar coidados, quen máis o fan son as mulleres”.

O profesor García fai extensiva esta situación non só a países en desenvolvemento como poden ser os de África ou América Latina, tamén no norte de Europa hai diferenzas, “é algo global, marca claramente as desigualdades no mundo, hai unha media de catro horas e cinco minutos que elas dedican ao día a traballos non remunerados”. Por iso a necesidade de obradoiros como o Taller 20, para reflexionar sobre o heteropatriarcado e a maneira na que condiciona a nosa estrutura social, a nosa vida. “Cando fas a foto das preguntas clásicas, independente do ámbito local, xa temos a solución: a día de hoxe en Santiago en mans de quen está o poder político? Quen tomas as decisións que inflúen en todas e todos? En mans de quen está o poder económico e financeiro ou o poder académico? Esta é a lectura que hai que facer”, asegura o profesor Jorge García.

Manual de boas prácticas

O sociólogo Jorge García aposta por incentivar a conciliación entre o xénero masculino, “xornadas reducidas que teñan que ver co coidado, ten que haber unha política que traballe claramente no tema das masculinidades”. O sociólogo sinala que só aumentando a conciliación se poderá “romper o teito de cristal”.

Para García, o máis importante “son as barreiras internas e culturais que aínda temos”, di en relación a expresións como que “ás mulleres non lles interesa ser xefas, hai moitos estudos sobre a baixa autoestima feminina, o medo ao fracaso, a síndrome da impostora...”.

O discurso, asegura Jorge García, ten que orientarse cara a unha “lectura holística, non falamos de anécdotas, algúns descalifican todo isto dicindo eu coñezo o caso dun home, hai que entender isto nun contexto de pensamento, nun contexto que vén de atrás e no que se foi avanzando pero que segue a ter un nome, e ese nome é patriarcado”.