Santiago despídese do quiosco do Toural: o Concello busca como conservalo
É un dos negocios máis antigos e de maior tradición familiar da cidade
O seu peche únese ao doutros establecementos emblemáticos da zona vella

O Quiosco do Toural, situado na entrada á rúa Nova por Cantón do Toural, pechará proximamente / j.prieto | CEDIDA / valeria pereiras

Antes foron outros, como a mítica mercería Novedades Carminha da rúa das Orfas que bautizou o grupo liderado por Carlangas. Ou Confecciones El Americano, na Algalia, onde se venderon os primeiros pantalóns vaqueiros que chegaron á cidade. Son unicamente dous exemplos dun goteo que non cesa, o de locais históricos da zona monumental que botan o peche. Se non se lle pon remedio, á súa perda unirase agora a do Quiosco do Toural. Homenaxeado xunto cos devanditos na II Gala do Comercio de Santiago en 2007, o destino deste icónico negocio centenario parece condenado a seguir os seus pasos.

Pola esquerda, un pequeno quiosco anterior ao actual / Cedida
A Chocolatería Metate, en San Paio de Antealtares, era ata agora o último establecemento na lista de baixas na zona vella. O próximo día 20 será a quenda do quiosco modernista do Toural: “Todo o mundo coñecía a Miguel”, di Ana Veiga do seu finado marido, quen rexentou o quiosco durante 30 anos. “Agora está ao cargo a miña filla Eva e a súa parella Ángel, pero non lle dá nada e hai quince días atopou outro traballo”. Ubicado na Rúa Nova polo Cantón da praza xunto ao Pazo de Bendaña, este peculiar templete de 1910 adquirírano os sogros de Ana e, desde entón, vén sendo explotado pola familia. Porque isto, ademais da súa longa tradición, é algo que comparten a maioría destes comercios. Trátase de negocios que foron pasando de xeración en xeración, neste caso a terceira, o que os converte en testemuñas directas do devir histórico de Santiago nas últimas décadas.
O quisco do Toural é moito máis que un simple punto de venda de periódicos e revistas, dos poucos que aínda quedan no casco histórico. Durante o século pasado foi un faro cultural, dos primeiros en ofrecer unha ampla gama de publicacións internacionais, desde diarios franceses e italianos ata revistas especializadas en música, gastronomía ou moda. “Deixaron de traer os xornais estranxeiros na pandemia e así seguimos. Si que seguimos tendo revistas inglesas, francesas ou alemás, pero desde que están en Internet xa non se venden. Recordo o ben que se vendía a Rockdeluxe, viñan toda a xuventude mercala e sempre a esgotabamos. Desde que está online apenas ten saída”, relata.
Tras enfrontarse ás embestidas dos tempos, o quiosco sucumbe agora ás presións modernas. 113 anos de servizo ininterrumpido chegan á súa fin tras unha decisión ben meditada, sinala Ana, e motivada por diferentes factores. O primeiro, a antedita dixitalización e a progresiva perda de lectores en papel. Pero tamén a crise económica, coa inflación elevada e a suba dos costes de produción e distribución da mercancía: “E pagar a luz, a seguridade social, a facenda, os impostos…”, apunta Ana, “e facemos contas e non hai ganancia”. Por último e non menos importante, sinala, a turistificación que ten transformado a zona vella. Aqueles que facían uso do quiosco, que daban vida e enchían de enerxía o casco antigo compostelán, foron marchando desprazados por hoteis, apartamentos turísticos e airbnbs: “Xa non viven tantas familias. Cando fomos para alí estaba cheo de residentes que agora xa non viven na zona vella”, conta.

Eva Rodríguez seguiu coa venda da prensa tras a xubilación de Ana Veiga / Cedida
Sanmartín e o PSdeG queren preservar o quiosco
O anuncio do adeus ao quiosco causou impresión na cidade e a alcaldesa, Goretti Sanmartín, non tardou en expresar o seu desexo de que este tesouro cultural permaneza no corazón do casco histórico. A rexedora asegura que Raxoi traballa para preservar a esencia deste lugar e ver a posibilidade de “licitalo”. “O quiosco é propiedade da familia do meu marido”, confirma Ana. “Se o quere comprar o Concello eu estaría encantada de que o mantiveran, pero antes de sacar nada a concurso terán que falar cos donos”, di.
A idea de preservar estes “negocios singulares” ten gañado forza, con voces que argumentan que deberían estar protexidos polo Concello para asegurar que a rica historia da cidade non se perda no olvido. Desde o PSdeG lamentan tamén a perda deste local e cualifican “brinde ao sol” o anuncio da alcaldesa de licitar o quiosco “cando non se pode facer porque a infraestrutura non é pública”. A edil socialista Mila Castro reclamou ao goberno que “tome a iniciativa” para evitar o peche: “o concello ten que mercalo para darlle unha nova vida” e aseguran que preguntarán no próximo pleno polas accións que se están levando a cabo para conseguilo.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
- La CIG espera cita con la patronal: si no hay acuerdo el lunes se reactiva la huelga de buses indefinida en Santiago
