Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Museo do Pobo celebra o centenario do SEG cunha mostra da súa colección permanente

O itinerario permite coñecer polo miúdo o legado desta institución clave na historia galega

O son dunha zanfoña do século XIX poderá escoitarse na sala de exposicións grazas á execución de Antón Santamarina dunha partitura recollida en Terra de Melide

A música desta zanfoña do século XIX ameniza a exposición

A música desta zanfoña do século XIX ameniza a exposición / Cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Museo do Pobo Galego acolle dende onte a mostra ‘O futuro dun legado. O Museo de Galicia’, un itinerario polas pezas do Seminario de Estudos Galegos (SEG) que custodia o edificio de San Domingos de Bonaval. Unhas obras do desaparecido museo creado en 1930 polos membros do Seminario no Pazo de Fonseca e que en 1977 pasaron a ser recollidas no Museo do Pobo.

A través de códigos QR situados ao carón de cada unha das pezas, a exposición permite acceder a información sobre a orixe e a historia detrás deses fondos. En palabras do director do Museo, Manuel Vilar, este traballo conxunto de todos os departamentos do Museo do Pobo Galego, pretende ser “unha homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos e unha mirada para constatar que vimos dunha tradición, o que significa tamén mirar para adiante e amosar ese patrimonio dunha maneira que sexa útil á sociedade de hoxe”.

O itinerario conduce os visitantes por diversas pezas, incluíndo as maquetas de vivendas realizadas por Vicente Fernández Hermida e Xaquín Lorenzo Fernández, na actualidade na sala de arquitectura do Museo do Pobo Galego. Tamén, outras relacionadas cos oficios artesanais, unha das materias de estudo do SEG, que reunira para o seu museo un conxunto de ferraxes, espellos de pechaduras, petadores, ou ferrollos, datados entre 1870 e 1910, que dan boa proba da capacidade creativa dos ferreiros. Destacan tamén as pezas de olaría de Buño e Niñodaguia, dous centros oleiros que continúan hoxe en activo de entre a vintena de aldeas oleiras que había en Galicia no primeiro cuarto do século XX.

A vestimenta tradicional galega, os elementos da vida cotiá ou os apeiros agrícolas foron tamén obxecto de colección do Seminario. Pero a recollida dos membros do SEG foi máis alá, e ocupouse tamén do patrimonio inmaterial, mostra diso é unha zanfoña do século XIX. O son deste instrumento poderá escoitarse na sala de exposicións grazas á execución realizada por Antón Santamarina dunha partitura recollida en Terra de Melide.

“Cada peza, cada documento chega ata nós contendo o espírito daquel proxecto truncado pola Guerra Civil e a ditadura, son anacos da nosa historia e das historias de quen nos precedeu”, explican dende a dirección do Museo do Pobo Galego.

Tracking Pixel Contents