Compras de última hora e gastos do máis variado na Praza de Abastos para celebrar a entrada en 2024

Relatos dispares nos postos da nave dos mariscos: vendas fluídas toda a semana nuns casos e “deixar todo para o final” noutros

O Mercado de Abastos de Santiago encheuse un ano máis na véspera da festa de despedida do ano e benvinda a 2024, cunha afluencia máis marcada na nave do peixe e do marisco que, por exemplo na das carnes, e cun ambiente festivo nos postos exteriores (de venda de verduras, delicatessen, flores...). 

As compras de última hora, sobre todo en canto a marisco fresco, foron as protagonistas, mais non en todos os postos, xa que o relato duns e doutros foi máis ben dispar. Se nalgúns casos a maior parte das vendas producíronse na mañá deste sábado, véspera de Noitevella, noutros con practicamente o mesmo tipo de produto en venda a situación foi radicalmente diferente.

“Dedícome fundamentalmente aos bivalvos: ameixa de Carril, berberecho, vieira... e vendín un pouco de todo”, comenta unha das vendedoras da praza, que remarca que o produto foi saíndo “de xeito bastante fluído durante a semana, houbo bastantes encargas e logo tamén chegou, máis a última hora, xente que se agrupa para facer a compra”.

Compras de última hora para despedir 2023

Compras de última hora para despedir 2023 / Antonio Hernández

Unha ‘última hora’ na que coincidía outro dos postos, tamén de ameixa de Carril, que sen embargo destacaba que nos días precedentes o movemento fora moito menor. “Toda a semana foi moi lenta”, comentaba Chicha, “case todo o mundo agardou a mercar agora, anque tamén houbo quen conxelou hoxe achegouse aquela xente que quere marisco fresco, onte e antonte —en referencia ao xoves e ao venres— non houbo case ninguén”.

A suba dos prezos afectou, como non podía ser doutra maneira, tamén aos peixes, carnes e mariscos que se consumen durante estas festas, pero as vendedoras fan unha valoración positiva da recta final do ano.

Compras de última hora para despedir 2023

Compras de última hora para despedir 2023 / Antonio Hernández

“Os prezos agora xa están máis ou menos coma o ano pasado” dicían nalgún dos postos, secundados por outros que aseguraban “vese que encheron ben as depuradoras porque nos últimos días incluso baixou a ameixa algo de prezo, por exemplo, se o venres estaba a 35 euros hoxe xa está nos 30”. Uns prezos que tamén se adaptan aos diferentes petos, con gastos de 100 ou 50 euros, pero tamén de non máis de 20.