Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Goretti Sanmartín Alcaldesa de Santiago de Compostela e líder do BNG local

“Estamos en cuestións que non se ven pero son importantes para que a maquinaria funcione”

Goretti Sanmartín: “Estamos en cuestións que non se ven pero son importantes para que a maquinaria funcione”

Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

{A Estrada, 1964} Goretti Sanmartín chegou á Alcaldía de Santiago en 2023 e, co apoio do PSOE á súa investidura, conformou un goberno en minoría -8 edís- xunto a Compostela Aberta. Dende o primeiro momento, o seu goberno insiste na necesidade de dotar a cidade dun parque de vivenda pública municipal e traballa para implantar a taxa turística. Nestes meses tamén tivo que lidar con problemas coma o SAF, a ruinosa frota de autobuses urbanos ou a falta de medios para a recollida do lixo.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entrando no salón amarelo do Pazo de Raxoi dende o despacho da Alcaldía

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entrando no salón amarelo do Pazo de Raxoi dende o despacho da Alcaldía / Jesús Prieto

O 17 de xuño tomaba posesión como alcaldesa da cidade. Que balance fai destes meses de goberno?

Para min hai un balance moi positivo. Foron meses de traballo intenso, de pór en marcha as cuestións que consideramos principais. Entender todo como transversal, conseguir boa coordinación e a boa planificación entre os distintos servizos e tamén unha boa engranaxe da parte política coa parte técnica. Falamos moito do que significou a ‘Alba de Compostela’ pero tamén creo que podemos estar especialmente orgullosos do que foi o programa de Nadal, feito ademais con ese esforzo colaborativo dos distintos servizos da casa e das distintas concellarías. Fixemos moito, creo, cara ao novo modelo de turismo: consciente, responsable...

E no aspecto máis persoal?

Sen ningunha dúbida, o máis positivo é que a xente me continúe parando pola rúa non só para parabenizarme, darme ánimos, tamén para expoñerme as súas dúbidas, as súas preguntas, as súas queixas... Tamén a ilusión que vimos en cantidade de xente de dicir por fin estamos aquí, chegou unha muller e un goberno diferente que ten vontade de facer as cousas doutra maneira. E se queres saber o peor... Sempre é, claro, que quitas tempo da vida persoal, pero insisto que se o pós na balanza o positivo é moito máis importante.

Que espera de 2024? Que avances haberá de aquí a final de ano?

Creo que a prudencia é algo moi importante. Estamos poñendo en marcha cuestións internas, como por exemplo a racionalización dos centros xestores para unha maior axilidade administrativa, todo isto significa que haxa maior transparencia e maior interacción. Cousas que non se ven no día a día e que son moi importantes para que a maquinaria funcione e tamén hai outras cuestións, desde logo, que van ser visibles. Un bo mantemento das parroquias, que as obras se realicen causando as menores molestias e, sobre todo, que haxa uns bos servizos públicos, de conciliación, poder ter actividades, programación cultural á altura, festas participativas nas que se poida gozar de Compostela. Creo que a xente quere que o que temos se conserve, non grandísimas obras, senón que se traballe nesa liña dunha mudanza do modelo turístico.

O Goberno pón sobre a mesa a reurbanización do eixo A Senra-San Caetano. Como se vai acometer?

Hai moitas maneiras de facelo. Na campaña electoral fixemos pública a proposta do BNG, pero o que queremos facer agora é un concurso de ideas, onde aquelas persoas que se dedican a arquitectura, persoal técnico, fagan as súas achegas e desa diversidade de ideas decidiremos colectivamente o camiño. Desde logo cunha serie de criterios nos que xa imos comezar a movernos, porque imos reducir as liñas de buses que pasan por alí e deixar paso aos vehículos que son necesarios, porque é necesario ir ao mercado, que pasen os taxis, as ambulancias, os servizos de emerxencias, pero tentar reducir ao mínimo o resto de vehículos, que moitas veces teñen outras alternativas. Desde o punto de vista da integración urbanística e paisaxística queremos ter cada vez máis espazo para xente que anda a pé e se dicimos que os turistas deben de saír dos arredores da Catedral, tamén o teñen que facer moitas veces por un perímetro que parece que está cerrado. 

“Estamos cos detalles finais do estudo para renovar a frota de buses pero neste momento é imposible poñer prazos”

Fala de reducir as liñas de bus nesa rúa e tamén dunha nova frota, será para 2024?

Dixemos no seu día que nos vimos na obriga de non continuar co programa que o anterior goberno deixaba na mesa por axilidade de prazos, para non ter que volver á Oficina Nacional de Avaliación (ONA) a Madrid, que viría de volta polo mal estado da frota, e decidimos converter isto nunha oportunidade, que poida haber liña ao aeroporto, máis frecuencias, que se poida chegar ao Polígono do Tambre a primeira hora da mañá, que haxa bus nocturno... Estamos cumprindo prazos, acabando de dar os últimos detalles ao estudo económico para poder mandar á ONA e dependemos do que tarde en vir de volta. Logo comezará o proceso de licitación pero poñer prazos neste momento é imposible. 

Haberá un redeseño das liñas?

Os cambios máis importantes xa os fixemos públicos pero voleremos a traballar sobre eles. Haberá desde logo maiores servizos a barrios e parroquias, máis frecuencias, redución do tempo de espera e como novidades máis importantes a desconxestión da Virxe da Cerca e o bus nocturno, ter liña directa co aeroporto que é unha petición dos sectores afectados. 

En que situación se atopan as negociacións polo aparcamento do CHUS? Hai algunha posibilidade de desbloqueo nesta materia?

O Concello de Santiago e desde logo este goberno quere colaborar con todas as administracións, exactamente igual que nós solicitamos axuda entendemos que se nos solicite e cremos que hai que traballar de forma colaborativa. Nesa colaboración estivemos e estamos e para todo o que ten que ver co aparcamento fixemos os informes pertinentes para que se puidese facer esa ampliación, puxemos enriba da mesa o uso de bonificacións do imposto de construción e unha parcela para que se puidese facer un aparcadoiro anque sexa de maneira provisional. Esta Corporación de maneira maioritaria entende o que a Xunta e o Sergas teñen que encargarse das súas competencias, de ordenar o tráfico nunha zona onde sabemos polos propios estudos de mobilidade encargados pola Xunta que 80% das prazas están ocupadas desde a primeira hora da mañá por persoal traballador e para iso ofrecemos unha axuda importante que é que se nos diga deses traballadores, cales viven en Santiago e en que zona, en que barrios e reforzar o transporte colectivo para que non teñan que levar os seus vehículos. Quen ten que solucionar ese aparcamento e que haxa unha alternativa mentres se fai a obra é a Xunta, é o que opina a maioría da Corporación.

Goretti Sanmartín, durante a entrevista

Goretti Sanmartín, durante a entrevista / Jesús Prieto

E agora, en que momento se está? Vai haber moito que esperar?

No momento de continuar dialogando sobre as alternativas que puxemos na mesa, aprobadas pola maioría da Cámara, de tres grupos políticos da Corporación. Espero que se poida avanzar, desde logo, entendo que hai que dar unha solución a ese cada vez maior problema do tráfico na zona. E tamén dixemos que se a Xunta considera que debe de facer o aparcadoiro noutro lugar porque non considera esa parcela que lle ofrece o Concello respectámolo, non estamos de acordo porque cremos que xa hai demasiada concentración de edificos na contorna do CHUS, por iso propoñemos a parcela do CiMUS, pero se a Xunta quere facelo dentro... Espero que se resolva canto antes, é unha cuestión, insisto, que levaba aí meses, a Xunta tivo tempo suficiente de actuar sobre as cuestións que o Concello puxo enriba da mesa. 

O Goberno local fala de vivenda pública, de poñer en uso inmobles baleiros... Como se está a traballar sobre esa cuestión?

Non é algo que se faga no curto prazo, son cuestións que se van aplicar a medio e longo prazo. Falamos por un lado dos immobles que estan en mala situación, case en ruína, e que se poden incluír no Rexistro de Soares se os propietarios non executan as obras e non o poñen en funcionamento. Cumprindo os prazos preceptivos se non o compra ninguén en poxa trátase de que o propio Concello teña a facilidade de facerse con eses inmobles. Por outro lado, temos interese en chegar a acordos con diferentes entidades e institucións que teñen edificios deshabitados, neste momento e que non os van utilizar nos próximos tempos, para poder chegar a un acordo para o seu uso. E para as vivendas baleiras, haberá plans e programas específicos. Todo iso son decisións que se van a ir tomando, que se están estudando, desde Urbanismo, con Facenda, e tamén na perspectiva da colaboración con outras institucións. O importante para nós é apostar porque haxa un parque público de vivendas municipais que se poidan poñer en réxime de alugueiro un prezo módico para a poboación máis nova e a máis vulnerable.

Cales son esas entidades? 

Realmente levamos xa varias reunións con distintas entidades e cando teñamos algún compromiso firme o farémolo público, agora non podemos dicir máis porque estas cousas requiren tempo.

“Estamos a ver que pasos hai que dar coa Casa da Xuventude pero non se vai tomar unha decisión inmediata”

Pode a implantación da taxa turística ser unha realidade este ano?

No marco do Plan de Sustentabilidade Turística estase a elaborar un estudo na liña do que o presidente da Xunta nos comentou, da posibilidade de que a taxa turística non fose, como opinabamos nós un imposto da estadía para o conxunto de concellos do país que logo tivesen que decidir se poñían en funcionamento ou non, senón exclusiva para Santiago. Cando teñamos o informe trasladaráselle á Xunta e entendo que hai boa disposición nesta cuestión. Está a incógnita das eleccións pero entendo que en calquera escenario posible haberá taxa turística no verán.

E que está a facer o Goberno local en materia de Vivendas de Uso Turístico (VUT)?

Houbo unha modificación do PXOM que marcou as directrices sobre onde e de que maneira se pode ter unha vivenda de uso turístico e ésta ten que ter un título habilitante municipal. A Xunta decidiu ter un rexistro de vivendas de uso turístico (REAT) onde non era esixe ter este título, algo que é preceptivo e, por tanto, o que se esperaría da Xunta é que colaborase e que aquelas VUT que non o teñan non poidan formar parte do REAT. En todo caso, o que temos pendente é desenvolver unha ordenanza de usos preexistentes, algo que marca esa modificación do PXOM e na que se está traballando a nivel técnico e cando teñamos unha proposta convocaremos os sectores afectados para falar dela.

O ‘polémico’ derrube da Casa da Xuventude non se inclúe no proxecto de orzamentos para 2024, pero vai pasar algo nela durante este ano?

Co PSOE chegamos a un acordo orzamentario, incorporando cuestións que nos parecen importantes para a veciñanza e tamén nos comprometemos con proxectos que viñan de atrás para darlles continuidade. Un acordo absolutamente necesario, porque desde o ano 2022 pasaron moitas cousas: inflacción, suba de prezos, contratos que hai que regularizar... e sen orzamentos é imposible facer nada. Agradecemos a responsabilidade do PSOE con este acordo. Na Casa da Xuventude estase a traballar a nivel técnico para ver cal é a folla de ruta a seguir, desde o punto de vista interno, ver que pasos hai que dar, pero non se vai tomar unha decisión inmediata.

Outra das ‘polémicas’ adoita ser a súa ausencia nos actos relixiosos. A oposición reclama que é o seu papel institucional e vostede afirma que as relacións coa Igrexa son fluídas.

As relacións deste Concello coas distintas institucións da cidade son máis que correctas, tanto coa Universidade, coa Igreixa, coa Xunta. Creo que á xente o que lle preocupa é que se solucionen os seus problemas. Falo moito coa xente, na rúa, asisto a programas de radio onde me preguntan que vai pasar con tal rúa, coa recollida do lixo, coa iluminación de tal lugar... O que importa é mellorar a calidade de vida da veciñanza. Tamén hai tradicións importantes, como a das oito puntas, que está nos emblemas de Compostela, e hai quen o ignora por completo coma o portavoz do PP. Nós estivemos no acto institucional do 25 de xullo, exercendo o noso papel de anfitrións, non houbo ningún problema, e se nalgún momento eu non podo estar, estará algún membro deste Goberno representando sempre con orgullo a capital.

“Precisamos un goberno na Xunta que coñeza ben as necesidades desta cidade e decida apostar por ela”

O 18 de febreiro os galegos estamos chamados ás urnas. Como cre que un ou outro resultado lle pode afectar a Compostela? 

Creo que o goberno que saía ten que estar moi comprometido con Santiago porque é a capital deste país, ten unha especificidade que debe recoñecerse e que ás veces non se fai. Ser a capital do país ten unha serie de custos, é fundamental que exista ese recoñecemento, que tamén vai servir para ese orgullo de ser de Compostela que temos que recuperar, que reforzar. Precisamos un Goberno autonómico que coñeza moi ben as necesidades da cidade e que decida apostar por ela, como lugar de vangarda, como sitio especial onde conflúen moitas administracións. Un goberno que sexa responsable e saiba traballar de maneira colaborativa, dialogante e participativa. Ese é o goberno que eu espero, comprometido.

Se facemos memoria sobre o que custou incrementar a partida de Santiago pola capitalidade ou os desencontros coa Xunta sobre o aparcamento do CHUS, non parece que vaia ir mellor se repite o actual executivo de San Caetano...

Hai algunhas cuestións nas que este executivo si que se comprometeu e espero que cumpra: o convenio para dotar o rural de saneamento e abastecenmento de maneira importante, a taxa turística, o estudo sobre os custos da capitalidade... Espero que polo menos que esas cuestións comprometidas se manteñan, por suposto. Pero tamén agardo que poida haber un goberno que vaia máis alá diso e se comprometa con cuestións que quedaron no tinteiro: o Conservatorio de Danza, que foi defendido no Pleno desta Corporación, un novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas, un novo centro de saúde en Conxo, un centro de día nas Fontiñas e na cidade histórica, a ampliación do conservatorio de música... E tamén espero que o goberno que saia saiba que hai que cambiar o modelo de financiamento dos concellos e facer un que se dote dun orzamento necesario para que non esteamos asumindo competencias que realmente non son nosas pero a Xunta non nos dá ese diñeiro, como por exemplo no servizo de asistencia no fogar. Son cousas que levan tempo no debate político, e a xente terá que valorar o que di sobre estes temas cada unha desas forzas políticas.

Tracking Pixel Contents