O PP reclama que se arranxe o problema de climatización nos centros socioculturais

De la Fuente considera inadmisible que non se poidan desenvolver as actividades con normalidade por mor das baixas temperaturas

O centro sociocultural de Santa Marta é, segundo o PP, un dos que teñen problemas de climatización /ecg

O centro sociocultural de Santa Marta é, segundo o PP, un dos que teñen problemas de climatización /ecg / J. TÁBOAS

O grupo municipal popular insta o goberno local a que arranxe canto antes o problema de climatización que sufren varios centros socioculturais de Santiago. Neste sentido, o PP considera “inadmisible que nos CSC non se poidan desenvolver as actividades con normalidade por mor das baixas temperaturas”, mentres que “no Pazo de Raxoi se teña que traballar coas fiestras abertas polo exceso de calor”.

Xa no pasado Pleno, o concelleiro popular José Ramón de la Fuente preguntoulle ao BNG cal era a situación na que se atopaban os centros socioculturais xestionados polo Concello, “logo de coñecer pola veciñanza que, nalgunhas instalacións, se estaban suspendendo actividades polo frío que pasan os usuarios”. Romaño, Laraño, Enfesta, Brañas de Sar ou Santa Marta son algúns dos centros, segundo De la Fuente, que están a ter problemas. Ademais, dende o PP destacan que algún deles “son de recente construción”.

Segundo o edil popular, os veciños quéixanse porque “non entenden que, estando os centros socioculturais dotados de sistemas de calefacción, pasen frío porque os equipos non funcionan”. “ E laméntanse de estar pagando unhas actividades que non reciben, situación que levan meses padecendo”, engadiu De la Fuente, quen comprobou “persoalmente” como “se suspendían actividades pola ausencia dos usuarios, que coñecen ben as condicións nas que se desenvolven esas accións e, consecuentemente, non asistiron”.

O concellerio do PP preguntoulle tamén ao goberno local se están a facer un seguimento do contrato de mantemento das instalacións térmicas dos centros socioculturais; se se realizan as revisións periódicas contratadas; e quen leva a cabo o mantemento dos que están excluídos no contrato.

Así mesmo, De la Fuente afeoulle ao BNG que “xustifiquen estes problemas” dicindo que “os CSC e os equipamentos son vellos”, facendo recaer a responsabilidade, din, nos funcionarios dos centros, “encargados da activación do procedemento de resolución de avarías, cando eles mesmo recoñeceron que os fallos xa comunicados aínda esperan a súa tramitación e a aprobación dunha proposta de gasto, e iso é unha tarefa que lle corresponde impulsar, supervisar e xestionar ao propio Concello”.

“Non resulta entendible”, remarcou o concelleiro do grupo popular “que dispoñendo dun contrato específico para o mantemento de instalacións térmicas, recentemente adxudicado, varios leven meses con equipos avariados, situación que deixa claro que ao BNG se lle atraganta a xestión municipal, sobre todo, a contratación administrativa”.

“Os nacionalistas non son quen de licitar, vémolo cos autobuses, non son quen de adxudicar, vémolo coas obras do pavillón de Vite ou Santa Isabel, e non son quen de xestionar os contratos, como vemos co mantemento de instalacións. Dedican tanto esforzo á propaganda, que non teñen tempo de ocuparse dos problemas da xente”, subliñou José Ramón de la Fuente.