Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Plan de Sanmartín para axilizar a administración: centralizar a xestión do gasto con catro unidades especializadas

O Goberno de Sanmartín creará catro unididades centralizadas e prevé a aprobación dunha nova Relación de Postos de Traballo

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante a rolda de prensa de onte no Pazo de Raxoi

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante a rolda de prensa de onte no Pazo de Raxoi / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa para anunciar os avances do Goberno municipal no relativo á “reforma e mellora da administración local”. Unha cuestión sobre a que o Bipartito está a traballar na procura de conseguir unha maior efectividade na tramitación de expedientes, reducir os prazos de pagamento e axilizar procesos administrativos, que vai requerir “melloras tecnolóxicas e dotación de persoal”.

Nesta dirección, o interese do Goberno de BNG e CA é o de aprobar, “de urxencia” a RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello, “para que poida empezar a funcionar canto antes”. Para isto, a intención do Executivo local é a elaboración dun documento que recolla “a situación actual dos postos municipais, ordenar os que xa existen” e, desta maneira, conciliar o cadro de persoal existente e os postos de estabilización, entre outros, coas prazas convocadas en 2023. “Haberá unha etapa de transición na que convivan” os dous modelos de adminstración” pero a intencionalidade final é a de centralizar e especializar a adminstración para facela, desta maneira, máis eficiente e áxil.

 A nova RPT aprobarase tras as consultas coas direccións de área do Concello “e nos próximos días cos representantes sindicais”. Sanmartín salientou a necesidade de actualizar este documento que non se revisou “desde hai máis dunha década” co obxectivo de que “recolla e sitúe todos os postos municipais e sirva de base para unha política de persoal máis consistente” e matizou que “irá mellorando paulatinamente.”

Catro seccións especializadas

A alcaldesa fixo fincapé na creación dunha sección especializada na xestión do gasto, con catro unidades con 12 postos asignados coa meta de “remodelar o trámite de expedientes e a xestión do gasto” que neste momento “está distribuída en máis de 50 departamentos”.

Esta medida permitirá “unificar e centralizar procesos” para que poida haber “un maior control e un criterio de axilidade” e permitirá “liberar os departamentos” de cuestións nas que non están especializados.

A rexedora amosouse confiada no impacto positivo desta organización “a curto e sobre todo a medio prazo” e recordou que o Concello pretende “axilizar a tramitación de expedientes, adecuar os procesos de contratación ás necesidades en canto a prazos.

Tracking Pixel Contents