Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP de Santiago denuncia ao BNG por triplicar os prezos do programa de conciliación de verán

O concelleiro Borja Rubio sinala que unha familia con dúas persoas usuarias abona agora por medio mes de xullo 180 euros, cando o pasado ano eran 68 euros

O concelleiro do PP de Santiago, Borja Rubio, en rolda de prensa

O concelleiro do PP de Santiago, Borja Rubio, en rolda de prensa / Cedida

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, vén de denunciar a elevada suba de prezos no programa de conciliación de verán, "xa que o BNG triplicou os prezos respecto da anterior edición de 2023". O popular incidiu en que "os nacionalistas, lonxe de anunciar novidades e melloras neste programa, sorprenden á veciñanza compostelá, sobre todo, aos usuarios deste servizo, cun aumento significativo no custo que as familias terán que asumir en comparación co programa do verán anterior”.

Borja Rubio expresou a súa preocupación, xa que "asistimos, unha convocatoria máis, á nula capacidade do BNG de cumprir o prometido en campaña electoral, volven a programar un servizo sen cambios significativos salvo no que se refire ao prezo para os veciños".

Remarcou que, “cabe lembrar que no anterior mandato, os nacionalistas reclamaron ao Goberno, en repetidas ocasións, a realización das actividades en máis centros e prezos máis baixos", pero agora "ao BNG pódelle máis o seu afán recadatorio”.

“Xa no pasado programa de conciliación de nadal triplicaron as tarifas e, neste caso, fan o mesmo co que ten que pagar cada persoa usuaria respecto ao 2023, é dicir, unha familia con dúas persoas usuarias abona agora por medio mes de xullo 180 €, cando o pasado ano eran 68 euros", indica.

Para Borja Rubio, "este programa non está á altura do concello da capital de Galicia e non cumpre, unha vez máis, co anunciado en anteriores ocasións polo BNG, posto que agora triplican prezos para as familias, non amplían instalacións; e non melloran oferta".

Aberto o prazo de inscrición ata o 14 de maio

O programa municipal de conciliación de verán 2024, destinado á poboación escolarizada en educación Infantil e Primaria do municipio de Santiago, vaise desenvolver nos CEIP Ramón Cabanillas e Monte dos Postes entre o 24 de xuño e o 10 de setembro, ambos incluídos.

O prazo de inscrición establécese entre o 6 de maio, data e aprobación en Xunta de Goberno, e o martes 14 de maio, ambos incluídos. As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado, nos prazos establecidos ao efecto, a través da sede electrónica do Concello de Santiago, no trámite "Inscrición nos programas de conciliación do Departamento de Educación" dentro do catálogo de trámites dispoñible; ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras).

O horario de prestación directa do servizo será de 7,45 h. ata as 16,00 h. Ademais, o programa inclúe a realización de actividades e obradoiros, ademais de poñer a disposición dos nenos e nenas participantes un servizo de madrugadores con almorzo (de 7,45 a 9,00 horas) e de comedor (de 14,00 a 16,00 horas).

Tracking Pixel Contents