Cidades Patrimonio aposta pola singularidade dos sitios e por atraer turismo de calidade

Dende o 1 de xullo Santiago presidirá o grupo das urbes españolas recoñecidas pola Unesco

Foto de familia dos rexedores das 15 Cidades Patrimonio españolas en Ibiza

Foto de familia dos rexedores das 15 Cidades Patrimonio españolas en Ibiza / CONCELLO

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, deu conta este luns do encontro mantido a pasada fin de semana en Ibiza (Illas Baleares) cos outras 14 cidades españolas declaradas pola Unesco Patrimonio mundial. Segundo explicou Sanmartín, todas as integrantes deste grupo coincidiron en impulsar unha serie de liñas básicas encamiñadas a traballar por “un modelo de turismo de calidade”.

Segundo Sanmartín, trátase tamén de facer que as cidades “están vivas”, velar porque as zonas históricas de todas elas recuperen residentes e poñer en valor “a cultura e a singularidade” de cada unha das cidades. Unhas pautas que tamén están encamiñadas a conseguir outro tipo de visitantes ao tempo que buscan “dotarnos dun plan estratéxico para definir cales son esas liñas nas que queremos profundar e cales son os aspectos cruciais que permitiron que durante estes 30 anos avancemos xuntas". 

Ademais, a rexedora de Santiago lembrou que a partir do vindeiro 1 de xullo a cidade será a encargada de presidir este grupo e, polo tanto, de iniciar a posta en marcha destas medidas. “Nós levaremos a voz das 15 Cidades Patrimonio, que queremos que se escoite en todos os lugares. Unha voz que fala de facer turismo dunha maneira diferente, que sexa sustentable, que aposte pola vía cultural e pola responsabilidade patrimonial, sempre desde o recoñecemento á nosa diversidade, porque somos cidades cuxa característica principal é a súa singularidade”.

Ademais, o sábado 14 de setembro festexarase a Noite do Patrimonio nos centros históricos monumentais das 15 cidades, que acollerán múltiples actividades simultáneas para todos os públicos.