Vivenda pública mantendo a superficie edificable na parcela de Peleteiro

O PP considera a satisfacción do Executivo de Sanmartín unha "tomadura de pelo" ao aceptar a non redución de volume

Imaxe do antigo edificio do colexio Manuel Peleteiro

Imaxe do antigo edificio do colexio Manuel Peleteiro / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, amosaba na mañá deste luns a satisfacción do Goberno local logo da xuntanza mantida o pasado venres no Ministerio de Economía para ver de reformular o proxecto urbanístico previsto para a parcela de Peleteiro.

A rexedora destacou a receptividade do ministro Carlos Cuerpo e a coincidencia de ambas as administracións na necesidade de mudar os usos previstos no proxecto. “O uso comercial quedará limitado á planta baixa”, afirmaba Sanmartín, “e potenciarase a vivenda pública”, retomando a porcentaxe de 20% contemplada xa nos proxectos presentados nos mandatos de CA e PSOE.

Sanmartín advertiu que a condición do ministerio foi a de “non reducir a edificabilidade”, cuestión que para o líder do PP, Borja Verea é “unha tomadura de pelo”. “Queda claro que non se vai reducir un só metro cadrado de volume, polo que estamos ante o mesmo mamotreto”, denunciou. Verea instou ao Goberno local a explicar “por que o que non valía hai ano e medio con redución da edificabilidade si serve agora co mesmo volume?”.

O líder do PP local insistiu en que no caso Peleteiro había dúas cuestións clave, "por unha banda a edificabilidade, o volume e por outro lado os usos" e insistiu en que no primeiro aspecto "estabamos todos de acordo, en distinta medida e intensidade, en que había que reducir a edificabilidade para evitar un mamotreto no Ensanche e ter máis espazos públicos".