A oitava edición de ‘Compostela máis Solidaria’ reivindica información veraz sobre a poboación migrante

Do 29 de maio ao 7 de xuño, o programa ofrece teatro familiar e encontros abertos sobre cooperación e a realidade de Palestina

l.r.

Sensiblizar sobre as realidades migrantes que forman parte da nosa contorna. Ese é o fin da oitava edición de Compostela máis Solidaria, que se desenvolverá en Santiago do 29 de maio ao 7 de xuño. O programa está impulsado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, co apoio do Concello de Santiago, a través da Unidade de Atención ás Migracións.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e a presidenta da Coordinadora, María Paz, deron conta este mércores das actividades previstas nunha rolda de prensa na que a tenenta de alcaldesa reafirmou “o compromiso do Goberno coa cooperación ao desenvolvemento, compromiso que se traduce en accións concretas coma esta que presentamos”.

Nesta edición, Compostela máis Solidaria quere “reivindicar a escoita atenta e a conversa pausada, e poñer en valor a información de primeira man, fundamental para fortalecer a reflexión e o criterio persoal fronte aos bulos”. María Rozas explicou que “se garantir unha información veraz é importante sempre, é máis cando falamos de cuestións tan sensibles como a cooperación ou a poboación migrante, nas que a desinformación se transforma en máis prexuízos e máis intolerancia”.

O programa deste ano comenzará o próximo mércores 29 de maio, co encontro Compostela co Sur Global no que se vai mostrar a relación do Concello de Santiago coa cooperación ao desenvolvemento. No acto, que se desenvolverá no edificio Cersia de 16.30 a 18.30 h., ofreceráselle á veciñanza a posibilidade de coñecer en profundidade os proxectos de cooperación internacional apoiados polo Concello a través da súa convocatoria pública de subvencións para a cooperación ao desenvolvemento.

A segunda das actividades do programa é unha obra de teatro de monicreques para público a partir de seis anos, coproducida pola compañía Xarope Tulú e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. Trátase da montaxe A teteira de Kabul, baseada nun conto homónimo de Carolina Pujados, inspirado na vida da escritora afgá Nadia Ghulam. Será o venres 31 de maio (18.30 h) no centro sociocultural Santa Marta.

Por último, o venres 7 de xuño, no Museo do Pobo Galego (horario de tarde), a cidadanía terá a oportunidade de achegarse á realidade de Palestina, a través do coñecemento directo que dela teñen a compostelá e gazatí Sara Ashour e o traumatólogo compostelán Felipe Noya, cooperante de Médicos do Mundo. Estarán acompañados por representantes do movemento universitario SUGxPalestina.