Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ferusa lamenta que as rozas comecen polo sur de Santiago e non no norte como pedira

Raxoi anunciou que pon en marcha a primeira limpeza e a federación esíxelle que estea rematada o 21 de xuño porque “xa van tarde”

Existe preocupación polo risco de lumes

A primeira roza do ano inicíase no sur do Concello, na parroquia de Figueiras

A primeira roza do ano inicíase no sur do Concello, na parroquia de Figueiras / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Concello de Santiago anunciou este mércores a posta en marcha do Plan de rozas en camiños, beirarrúas e espazos públicos para a prevención de incendios. Segundo o cronograma publicado polo Pazo de Raxoi, Figueiras será o primeiro lugar do rural no que se realicen labores de desbroce, unha parroquia do sur do concello, o que provocou o “desgusto” de Ferusa (Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago), que solicitou hai tempo ao Goberno local a alternancia no inicio destes traballos entre o norte e sur do termo municipal.

“Na xuntanza do pasado luns con cos concelleiros Pilar Lueiro e Xesús Domínguez amosamos o noso desgusto porque non se tivera en conta o acordado na asemblea de asociacións, que era comezar polo norte”, explica a presidenta de Ferusa, Cruz Vázquez, que incide no risco de incendios en parroquias como San Xoán ou Santa Cristina de Fecha, situados no norte do concello. Segundo explica a presidenta, as razóns aducidas polos edís para non admitir esta propostas débense a motivacións técnicas, “solicitamos que se nos amose ese informe”, explica Cruz Vázquez, pero aínda non teñen coñecemento do mesmo nin se lles confirmou se os labores de roza en Figueiras comezaron ou cando van dar inicio, asegura.

Dende Ferusa consideran que se deben rotar os inicios dos desbroces entre o norte e o sur porque todas as parroquias teñen o mesmo risco de lumes e no caso, por exemplo de San Xoán de Fecha, “se a vexetación non medra á velocidade que en Figueiras o que si que acontece é que hai zonas con pistas en mal estado, peores accesos e lugares con pouca visibilidade”. Cruz Vázquez indica tamén nas parroquias do norte tamén hai moita xente maior que pola inseguridade que xera a falta de limpeza non poden saír a pasear por determinadas zonas.

A presidenta de Ferusa asegura que o plan de rozas “xa vai tarde” e insite en que dende a federación se lle puxo ao Concello a condición que esta primeira quenda de desbroces estea finalizada o 21 de xuño. O Pacto polo Rural implica que haxa dúas quendas de roza no rural durante o ano, pero en 2023 as condicións meteorolóxicas impediron que se realizase a limpeza do outono, a federación agarda que este ano si que cumpran os prazos. 

O plan de rozas actuará en 24 puntos do rural, comezando por Figueiras e cotinuando en Villestro, Laraño, na zona rústica da Rocha-Vidán, A Curuxeira, a contorna rural do Castiñeiriño, O Eixo, Marrozos, Aríns, Bando, Sabugueira, Enfesta, O Carballal, Cesar, A Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, Grixoa, A Peregrina e San Xoán e Santa Cristina de Fecha.

Tracking Pixel Contents