Sanmartín urxe ao presidente da Xunta a que convoque o Consello da capitalidade
Logo de oito meses dende a reunión con Alfonso Rueda en San Caetano e sen unha nova cita, a rexedora considera “que se está marxinando á veciñanza de Santiago”

Rueda e Sanmartín nas portas de San Caetano / Jesús Prieto

Logo de amosar o descontento do Goberno local ante o anuncio de Alfonso Rueda de non incluír a Santiago na súa próxima rolda de entrevistas despois de renovarse no cargo de presidente da Xunta, a alcaldesa Goretti Sanmartín anunciou este venres que se lle enviou á Administración autonómica unha petición formal para levar a cabo unha reunión bilateral.
Rueda e Sanmartín mantiveron un encontro o pasado 2 de outubro, “cordial e fructífero” segundo a rexedora, no que ambos os políticos acordaron “de maneira inminente a convocatoria do Consello de capitalidade” para debater a compensación que lle corresponde recibir a Compostela polos custos que lle supón á cidade e á súa veciñanza ser a capital de Galicia.
Oito meses despois dese encontro non se citou o mencionado consello nin tampouco se fixou unha nova xuntanza entre o presidente da Xunta e a alcaldesa de Santiago. “Se en oito meses non se convocou o Consello de capitalidade, como se vai facer efectiva esa compensación?”, preguntábase este venres Goretti Sanmartín, que describía este feito coma unha “absoluta discriminación con Santiago e coa súa especificidade como capital do país”.
Goretti Sanmartín insistiu en que como alcaldesa non cuestiona a elección de alcaldes cos que se vai reunir o presidente da Xunta, que anunciou que o fará cos rexedores de Vigo e Lugo e cos presidentes das catro deputacións e da Fegamp, pero denuncia a ausencia de Compostela nese calendario.
“Pasaron oito meses dende a xuntanza”, insistía Sanmartín para lembrar que dende outubro hai varias cuestións de interese para a cidade pendentes de debate, como son “a vivenda ou a taxa turística, tan só se avanzou no tema do CHUS”, explicou en referencia ao acordo sobre a ordenación da mobilidade e a construción do novo aparcamento do Clínico, ao que se chegou cos novos titulares de Sanidade e Infraestruturas a comezos do mes de maio.
“Podemos discutir sobre se son 5 ou 8 millóns”, dixo a alcaldesa en referencia aos diversos estudos que hai sobre os custos da capitalidade, “o que non se pode discutir é que a contía é moi superior á cantidade que percibe agora Santiago e levamos con esa discriminación anos”.
Na actualidade Compostela recibe da Xunta 2,4 millóns de euros polos custos de ser capital, unha cantidade que segundo Sanmartín “é unha das máis pequenas do Estado”. Neste sentido a alcaldesa insistiu en que entende “que se queira facer outro estudo de custos no marco do Consello de capitalidade”, pero a rexedora incide en que non entende que aínda non houbese esa xuntanza e engade que “sentídoo moito, creo que se está marxinando claramente á veciñanza de Santiago”.
Chegar a acordo antes de elaborar os orzamentos
Máis alá do anuncio de rolda de entrevistas con alcaldes previsto polo presidente da Xunta, e entre os que non se encontra Goretti Sanmartín, a rexedora da capital urxe a necesidade desa nova xuntanza interadministrativa pola necesidade de que a compensación a Santiago por ser a capital poida incluírse nos próximos orzamentos da Xunta.
A alcaldesa considera que de non producirse a convocatoria do Consello de capitalidade antes do parón estival córrese o risco de que unha vez pasado o verán se comece a traballar nos orzamentos autonómicos de 2025 “e cheguemos a final de ano sen que haxa tempo de tomar decisións” ao respecto da compensación de custos da capital.
Goretti Sanmartín apreza nestes oito meses sen convocatoria dunha nova reunión entre Concello e Xunta unha “fuxida cara adiante para que non exista ese compromiso que, insisto, foron as palabras de Rueda logo da xuntanza do 2 de outubro”. “Parece que se quere que avance o tempo, que haxa orzamentos e non marxe para tomar decisións”, denunciou a rexedora.
- La panadería con una de las empanadas más famosas de Santiago: 'Uso a mesma masa coa que fago o pan
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- Violento asalto a una vivienda en Santiago: herido un vecino de Vista Alegre tras enfrentarse a dos individuos
- Luz verde definitiva a la capitalidad de Santiago: Rueda defiende la subida del 14 % y Sanmartín la considera “insuficiente”
- Fallece el empresario Isaac Rosón Ferreiro, hermano de la socialista Mercedes Rosón y padre del director xeral de Pesca de la Xunta
- Extraordinarios en las aulas de Santiago: «La clave es tener un buen método de estudio y no encerrarse demasiadas horas»
- Renfe estrena este miércoles el primer AVE directo Santiago-Madrid sin parada en Castilla y León
- Los vecinos de Conxo alertan de que la senda entre Santiago y O Milladoiro incumple normas de Patrimonio
