Santiago recibe só en maio máis peregrinos que nos primeiros catro meses de 2024 xuntos

Recibiron a compostela 72.866 persoas fronte ás 70.575 que chegaron de xaneiro a abril

A maioría dos camiñantes procedía do extranxeiro

Galicia ha sido capaz de atraer a más de 440.000 peregrinos en 2023

Galicia ha sido capaz de atraer a más de 440.000 peregrinos en 2023 / ECG

As cifras de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago non deixan de aumentar e tanto é así que no mes de maio duplicouse a cantidade de compostelas entregadas entre xaneiro e abril de 2024 –70.575 documentos-, chegando xa nesta altura do ano ás 143.441 compostelas, 72.866 só o mes pasado.

Segundo a Oficina do Peregrino e a Concellaría de Turismo de Santiago, os 365 días seguintes a un Ano Santo reflicten mellores datos que o propio ano xacobeo, mais á vista das cifras de maio de 2024 xa non é determinante esta influencia, pois van alá dous anos dende o prorrogado Xacobeo 2021-22 e a cantidade de camiñantes é moi superior, por exemplo, ao mesmo mes de 2023, cando se entregaron 61.141 compostelas.

Se miramos a cifra total, nos cinco primeiros meses do ano, neste que estamos, 143.441 camiñantes obtiveron a súa acreditación de ter realizado como mínimo 100 km do Camiño a pé ou a cabalo e 200 km se o realizaron en bicicleta. Fronte ao mesmo período de 2023, cando se rexistraron 118.442 peregrinos que recolleron a súa compostela, o aumento é significativo e ascende a 24.999. En todo o ano 2023 chegaron á praza do Obradoiro case medio millón de peregrinos, 446.072, se tomamos esa cifra como meta para este 2024, entre xaneiro e maio xa se acadou o 32% do total, 143.441 compostelas sen chegar aínda ás datas de maior afluencia de camiñantes, durante o verán e, sobre todo, nas proximidades da festividade do Apóstolo, o vindeiro 25 de xullo.

O Camiño francés segue a ser a principal ruta de chegada

As tres rutas máis demandadas para realizar o Camiño de Santiago son a vía francesa e dous itinerarios que parten de Portugal, o Camiño portugués e o ‘portugués pola costa’. Do total de 72.866 peregrinos que acadaron o Obradoiro durante os 31 días de maio, 34.007 decidiron facelo a través do Camiño francés o que supón o 46,6% dos camiñantes; 14.209 optaron pola vía lusa e 12.666 pola ruta portuguesa da costa.

A pesar de escollerse o Camiño francés, en comparación son poucos os que inician a andaina a máis de 800 km –na localidade francesa de Saint Jean Pied de Port-, durante este ano fixérono dende alí 6.567 camiñantes, mentres dende Sarria –a 114 km da Catedral e por tanto xa na distancia que permite a obtención da compostela– chegaron ao Obradoiro 19.043 persoas.

Se miramos as cifras das vías portuguesas, o número de camiñantes chegados dende Porto mantense aínda por debaixo, pero a unha distancia por debaixo do milleiro, dos datos de 2023. Se o ano pasado percorreron a distancia dende a cidade lusa a Compostela 6.213 persoas, este ano e até o momento, o número establécese nas 5.548.

Tipos de camiñantes: crenzas, orixes, idades e xénero

Durante o pasado mes de maio, a maioría de peregrinos tiña a súa orixe no estranxeiro –52.593 persoas–, fronte ás 19.935 que procedían de diversos puntos de España.

Entre os camiñantes internacionais son 4 os países de orixe maioritarios: os Estados Unidos de América, con 7.500 peregrinos chegados o pasado mes até o Obradoiro; Alemaña, de onde proviñan 5.606 persoas; Italia con 4.355 camiñantes; e Portugal con 3.168. Os madrileños foron os españois que máis se achegaron á Catedral como xacobeos, 4.213, seguidos de andaluces (3.566) e cataláns (2.588).

Por xénero, chegaron a Compostela 8.200 mulleres máis ca homes, 38.724 fronte a 30.560. A motivación relixiosa é outro dato significativo, pois é a razón de 30.115 peregrinos, pero a cifra persoas que atravesan a ruta xacobea non por motivos relixiosos tampouco é desprezable, 14.975 camiñantes.