Entrevista | Adrián Dios Profesor de Historia Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago

“Son o primeiro profesor de fóra que acolleu unha facultade de Mozambique”

Adrián Dios, que imparte Historia Económica na Universidade de Santiago, participou nos últimos tres cursos no Programa Erasmus+ KA171 destinado á mobilidade de PDIe PAS // Estivo en países como Santo Tomé e Príncipe e Angola

O profesor da USC, Adrián Dios, segundo pola esquerda, e Ana Guerra, técnica da Oficina de Mobilidade da institución compostelá durante a súa estancia na Universidade de São Tomé e Príncipe

O profesor da USC, Adrián Dios, segundo pola esquerda, e Ana Guerra, técnica da Oficina de Mobilidade da institución compostelá durante a súa estancia na Universidade de São Tomé e Príncipe / cedida

“Dar clase nun contexto distinto ao que un está habituado é unha experiencia moi intesante”. Con esas palabras define Adrián Dios, profesor de Historia Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago as súas estancias en distintos países extracomunitarios realizadas ao abeiro do Programa Erasmus+ KA171 para PDI (persoal docente e investigador) e PAS (personal de adminitración e servizos).

Neste curso académico estivo na Universidade de São Tomé e Príncipe, durante dúas semanas no pasado mes de xaneiro. Ademais, recentemente estivo cinco días na Universidade Púnguè de Mozambique e de seguido desprazouse a Xeorxia, onde tivo unha estancia de dez días. “Aproveitei que tiña a docencia acumulada no primeiro cuatrimestre, tendo que dar só clase en mestrado no segundo”, apunta en conversa con este medio. Deste xeito non perdeu de dar clases na USC.

Xa nos tres cursos anteriores foi un dos docentes beneficiarios de Erasmus+ KA171. En concreto, tivo a oportunidade de estar en Angola, Líbano e Kazaxistán.

Adrián Dios asegura que a maneira de analizar o crecemento económico “cambia moito en función do país no que nos atopemos”. A maiores, o profesor recoñece que é sorprendente “escoitar o posicionamento do alumnado”.

Considera que o programa ten un impacto importante nos países de destino ao tratarse de “sistemas universitarios con menos solidez”.

En cada unha das facultades nas que estivo, ademais de impartir docencia, tivo a ocasión de participar en proxectos de investigación e nalgún dos centros incluso colaborou coa reforma dos plans de estudo.

En calquera caso, pensa que a valaoración que se poida facer de cada estadía varía en función da receptividade de cada universidade. Sobre a predisposición do alumnado comenta que “en xeral é moi boa” e ademais “hai moita implicación”.

Un dos aspectos que máis lle chamou a atención dos Erasmus foi ver que en Mozambique só había seis profesores, dos que ningún era doutor, para uns 500 alumnos por curso académico. “A maiores só había algún profesor asociado para cubrir necesidades”, sinala. Por este motivo asegura que “o profesorado fai o que pode” ao ter tantas limitacións e tendo que dar clases que non pertencen á súa área de especialización. En Santo Tomé e Príncipe tamén había só tres profesores a tempo completo para catro grados: Economía, Administración e Finanzas, Contabilidade e Xestión bancaria. “Daban moitas horas de docencia e sobre aspectos moi diversos”, reitera.

Ante estas situacións, Adrián Dios valora que o feito de que as facultades de países que non pertencen á Unión Europea reciban a docentes especializados “é moi positivo”, a pesar de que “non é habitual que se conte con expertos externos”. En Mozambique, relata, “fun o primeiro profesor de fóra que recibía o centro”.

Para o vindeiro curso 2024-2025 Adrián Dios agarda a outras estancias a raíz do programa Erasmus+ KA171 da institución compostelá. “Sempre que teña dispoñibilidade non dubidarei en pedir a solicitude xa que merece a pena”, conclúe.

Aumenta a mobilidade: 88 desprazamentos en tres anos

Nos últimos tres anos, a cifra de PAS e PDI participantes no Programa Erasmus+ KA171 (países extracomunitarios) foi de 88. En concreto, houbo 29 mobilidades no 2022, 20 no 2023 e 28 no 2024.

O mínimo de tempo que unha persoa pode estar fóra é de cinco días e o máximo son dous meses, aínda que a USC tan só proporciona axuda económica para 7 días.

O proceso de selección está marcado pola elaboración dun plan de traballo cunha acreditación do coñecemento de idioma e unha valoración por parte dunha comisión da candidatura. “Tense en conta que beneficios reportaría ao rol que desempeña en concreto o traballador e para a oficina na que traballa”, detalla a universidade.

Son tres os principais obxectivos que se perseguen coa mobilidade de PAS e PDI. O primeiro consiste en establecer un vínculo directo cos homólogos nas universidades de acollida que redunde na optimización da xestión dos programas. O segundo é poñer en común boas prácticas e compartir experiencias entre institucións. E por último, búscase coñecer de primeira man o país, a cultura e a súa idiosincrasia

María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, ve necesario “romper a identificación de mobilidade e captación de alumnado co programa Erasmus xa que tradicionalmente está asociada a estudantes de grao, ao programa Erasmus e a Europa”. Por ese motivo, nos últimos anos o elenco de países e programas incrementouse notablemente, así como o espectro de participantes, xa que “cada vez máis persoal docente e investigador e personal técnico de xestión de administración e servizos participa nestas experiencias”.

Na última década, a Universidade de Santiago ampliou dunha forma significativa o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico, incluíndo actualmente ubicacións como Armenia, India, Líbano, Marrocos, China, Exipto, Cabo Verde, Xordania ou Mozambique.

Ana Guerra, técnica da Oficina de Mobilidade da USC, ten participado ao abeiro do programa Erasmus+ KA171 en programas de mobilidade en Bosnia e Herzegovina, Líbano, Santo Tomé e Príncipe –compartindo estancia co profesor Adrián Dios– e Xordania. “Estes programas son moi fructíferos para elaborar estratexias de captación de alumnado estranxeiro. Resulta fundamental coñecer a idiosincrasia, a cultura e o sistema educativo do país. Algunhas destas institucións son emerxentes en internacionalización polo que lles resulta moi beneficioso coñecer de primeira man as estratexias que empregamos na USC e como xestionamos os programas de mobilidade”, comenta a técnica.