A fiscalía pide para un porteiro do Blaster unha pena de catro anos por un delito de lesións

Pola responsabilidade civil solicita unha indemnización que supera os 22.000 euros

Entrada na discoteca Blaster, na rúa República Arxentina

Entrada na discoteca Blaster, na rúa República Arxentina / ECG

Redacción

O vindeiro venres 7, a sección 6ª da Audiencia Provincial, no edificio dos xulgados de Fontiñas, ábrese o xuízo oral a un porteiro do Blaster por un delito de lesións cometido o 21 de setembro de 2021. A Fiscalía pide para el 4 anos de prisión ao consideralo culpable dos feitos. 

Segundo o escrito remitido pola Fiscalía ao titular do Xulgado nº1 de Santiago, o acusado atopábase na discoteca “ás 6:00 horas do 21 de setembro de 2021, iniciou unha discusión” co agredido tras a cal o “golpeou inicialmente coas mans e a continuación tiroulle un vaso ocasionando unha ferida de 8 centímetros na rexión infraorbitaria esquerda, unha ferida na rexión fronto nasal de 5 centímetros e tres feridas puntiformes que requiriron para a súa sanidade a aplicación de 17 puntos de sutura, analxesia, antibiótico profiláctico e retirada da sutura, empregando 13 días de curación”.

En concepto de responsabilidade civil do acusado, a Fiscalía pide por estes 13 días de curación unha indemnización de 7.397 euros (569 euros por día). Ademais engade que na vítima quedaron como secuelas “unha cicatriz de 2 centímetros na raíz nasal, outra sinal de 5 centímetros na rexión infraorbitaria esquerda, unha marca de 0,5 centímetros na cola da cella esquerda, 3 cicatrices milimétricas puntiformes supra ciliares esquerdas e unha sinal de menos de 0,5 centímetros no pómulo esquerdo”. A Fiscalía considera que todas estas cicatrices “alteran a normalidade do rostro” da vítima.

Finalmente, e facendo mención á aplicación do baremo de tráfico incrementado no 30%, segundo marca o artigo 576 da Lei de Enxuizamento Civil, o Fiscal solicita unha indemnización, polas secuelas da agresión, de 14.812,54 euros, que sumados 7.397 que corresponderían polos días que precisou a vítima para curarse das feridas, dan unha cifra que ascende aos 22.209,54 euros.