Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Francisco Candela Presidente do Ateneo de Santiago

“Hai que repensar o turismo en Santiago en clave de sostibilidade social e cultural”

Francisco Candela acaba de ser nomeado presidente do Ateneo de Santiago tras a renovación da xunta directiva para os próximos tres anos

Afronta esta tarefa con ilusión e coa aspiración de que o Ateneo siga sendo un punto de encontro para reflexionar sobre os asuntos que preocupan á cidadanía

Francisco Candela, novo presidente do Ateneo de Santiago

Francisco Candela, novo presidente do Ateneo de Santiago / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

Francisco Candela acaba de ser nomeado presidente do Ateneo de Santiago tras a renovación da xunta directiva da entidade para os próximos tres anos. Asegura que afronta esta tarefa con ilusión e coa aspiración de que o Ateneo siga sendo un punto de encontro para reflexionar sobre os asuntos que preocupan á cidadanía, como a convivencia co turismo, no que é un experto e sobre o que chama a ter un debate sosegado e rigoroso.

Acaba de ser elixido presidente do Ateneo. Como afronta esta etapa?

Coa mesma ilusión e o mesmo interese que o fixemos un grupo de xente dende o ano 2008, que creamos de novo, o Ateneo de Santiago. Para os vindeiros tres anos pretendemos continuar enriquecendo as nosas actividades culturais e cidadás. No último ano, por exemplo, puxemos en marcha un seminario sobre Europa, o cineclube do Ateneo ou unha newsletter para que todos os ateneístas puideran coñecer cunha semana de anticipación as actividades que levamos a cabo.

Luns do Ateneo, presentacións de libros, debates sobre diferentes asuntos, proxeccións... Hai algún outro eido que se propoñan explorar?

Temos varios proxectos para o vindeiro ano 2025 nos que estamos traballando e algún deles vai ser moi relevante. Pensamos en seguir ampliando a colaboración con outras entidades e asociacións que existen na cidade, tratando de fortalecer o tecido cívico compostelán. Neste senso, por exemplo, moi recentemente fixemos un convenio coa Real Academia Galega de Ciencias.

O Ateneo fai moito do fincapé nesta idea de tecer rede. Por que o consideran importante?

Parécenos moi importante porque hai actividades que podemos poñer en marcha xuntos. Por exemplo, tamén fixemos un convenio coa Fundación Neira Vilas para poñer en valor a aportación deste importante escritor galego e tela de maneira permanente con nós. Tamén pretendemos impulsar a consolidación da Federación de Ateneos de Galicia. Temos que colaborar porque compartimos os mesmos obxectivos, as mesmas ideas e podemos facer actividades para o conxunto dos galegos e ao mesmo tempo enriquecernos das iniciativas que cada un dos ateneos está impulsando nos seus respectivos municipios.

Que outros proxectos teñen por diante?

Hai actividades que imos manter, que están tendo moito éxito e moi boa acollida, como a Mostra Internacional de Cine e Educación. Para o outono, estamos preparando o sexto festival de música barroca con cinco ou seis concertos. Estamos traballando tamén nunha gran exposición para o ano 2025 sobre un personaxe fundamental na cultura galega. Tamén temos posibles actividades relacionadas coa preocupación que existe con respecto aos impactos do turismo. O Ateneo non pode poñerse de perfil ante os problemas que detectamos e queremos contribuír en positivo a facer propostas neste camiño.

Francisco Candela, na sede do Ateneo de Santiago diante dunha fotografía de Isaac Díaz Pardo

Francisco Candela, na sede do Ateneo de Santiago diante dunha fotografía de Isaac Díaz Pardo / Jesús Prieto

Como experto en turismo, que pensa do debate que se esá producindo en Santiago ao respecto?

Nesta liña, fixemos un podcast sobre o turismo en Santiago e organizamos unha conferencia. Ante a preocupación crecente que existe nos cidadáns, hai que poñerse a repensar o desenvolvemento turístico en Santiago en clave de sostibilidade, non só a ecolóxica ou medioambiental, senón tamén a social e cultural, porque afecta ao modo de vida e as pautas culturais e sociais dunha cidade. Temos que pensar que no turismo urbano a cidade é o destino turístico. Polo tanto, os cidadáns teñen que participar na definición da política turística que se desenvolva. Imos facelo dun xeito sosegado, abrindo unha mesa de debate para que todos estes temas se poidan estudar e debatir con tranquilidade, con calma, con rigor, e con base en datos, para poñelos a disposición dos representantes políticos no Concello, que son os que teñen que tomar as decisións correspondentes.

Santiago corre o risco de morrer de éxito turístico ou estes son termos demasiado alarmistas?

Aos cidadáns de Santiago preocupálles o impacto que está tendo turismo sobre a cidade. Non é algo particular de Santiago, estase producindo noutros puntos. Estamos vendo como rexións como, por exemplo, Baleares, están limitando o número de aloxamentos existentes. En Canarias hai unhas manifestacións masivas reclamando outro tipo de turismo. Cando as barbas do teu veciño vexas cortas, pon as túas en remollo, como di o refrán. Temos que poñernos a reflexionar con calma, pero con rigor, respecto das medidas que hai que adoptar para que o turismo siga sendo unha fonte de riqueza, pero tamén de calidade de vida aos propios residentes. Esta é a cuestión fundamental: a calidade de vida dos residentes que somos os que, en definitiva, soportamos os impactos negativos do turismo.

Cal cre que é o aspecto do Ateneo que máis valora a cidadanía?

Para nós é unha satisfacción ver que todas as actividades que promovemos están cheas de xente. Esa é a retribución que o Ateneo recibe, a boa acollida que ten na cidadanía compostelá as actividades que desenvolve. Iso satisfácenos a todos os ateneístas e impúlsanos a seguir. Outro aspecto importante que cultivamos é que as actividades sexan un punto de encontro cidadán, é dicir, que os cidadáns de Santiago se encontren xuntos debatindo o tema do cambio climático, por exemplo, ou nunha visita cultural ás gárgolas de Santiago. Por tanto, hai un aspecto fundamentalmente humano de relación persoal que nós tratamos de desenvolver tamén como algo substancial.

O Ateneo foi acompañando ao longo da súa traxectoria as preocupacións e os debates sociais. Como foi esa evolución desde o ano 2008?

Cando empezamos a partir do ano 2008, cunha xunta directiva especialmente dotada coa presidencia de Salvador García-Bodaño, coa presencia de Javier Otero, do propio Luis Pasín ou Marisa Melón pretendíamos poñer a debate algúns temas e preocupacións que existían naquel momento, tanto a nivel local como global. Tratamos de consolidar unhas conferencias que fixaran criterios, que tiveran rigor, apoiándonos moitísimo na capacidade intelectual que ten a nosa universidade.Temos unha temática moi diversa, produto das aportacións das distintas seccións do Ateneo en función das propias preocupacións dos ateneístas, que varían e que mudan ao largo do tempo. Cando empezamos, no ano 2008 eramos 20 ou 30 ateneístas, e hoxe somos máis de 320. Todo o que poida ser de interese que veña impulsado polos membros do Ateneo vai ser acollido e tratado nas distintas conferencias.

Ese crecemento de xente implicada no Ateneo é moi significativo nun momento no que os espazos de diálogo e encontro non se cultivan tanto. Como percibe esta situación?

Este é unha tarefa que hai que cultivar, como a democracia, porque non é algo que se dá por feito: hai que tratar de ampliala, de consolidala e de defendela en moitos casos. Neste momento temos unha preocupación grande no conxunto da sociedade pola aparición de movementos populistas extremos que efectivamente poden poñer en cuestión a democracia e as súas institucións. Aquí pasa exactamente o mesmo, temos que tratar de que a xente siga mantendo os espazos de encontro. Iso hai que propicialo e os primeiros interesados somos a sociedade civil. Non podemos agardar a que se decrete a través dunha administración pública. É a sociedade civil quen, consciente dos problemas que está vivindo na actualidade e dos que poidan derivarse no futuro para os seus fillos ou netos, ten que tratar de organizarse, encontrarse e debater xuntos eses problemas. Isto non cabe delegalo, senón que ten que ser a propia sociedade a que manteña estes espazos de encontro e quen os desenvolva.

Tracking Pixel Contents