Peche no Reitorado

O reitor da USC considera unha “chantaxe” o peche da asemblea pro Palestina en San Xerome

A Universidade lamentaa a “grave alteración” que supón no seu funcionamento que se impedira ao persoal do reitorado acceder aos seus postos de traballo

Os manifestantes aseguran que permanecerán no edificio ata que "se negocie ou se nos bote pola forza"

As portavoces da asemblea atenderon os medios desde unha ventá de San Xerome, na Praza do Obradoiro de Santiago

As portavoces da asemblea atenderon os medios desde unha ventá de San Xerome, na Praza do Obradoiro de Santiago / Jesús Prieto

O peche que mantén desde o pasado luns a Asemblea Internacionalista do Estudantado e da Clase Traballadora por Palestina nas instalacións do reitorado da USC impediu este martes o desenvolvemento normal da actividade no colexio de San Xerome, ao non poder acceder o persoal nin o equipo de goberno aos seus postos de traballo.

A situación foi tildada de “chantaxe” para aceptar as reivindicacións deste colectivo por parte do reitor da Universidade, Antonio López, en declaracións a EL CORREO GALLEGO, mentres que os manifestantes expresaron a súa vontade de continuar ocupando o edificio “ata que se negocie ou se nos bote pola forza”.

Ante a “alteración moi grave no funcionamento administrativo e da actividade do goberno da universidade”, López sinalou que a USC puxo en coñecemento da delegación do Goberno a situación para que determinen as accións a levar a cabo para “recuperar canto antes a normalidade”. A última hora do martes, fontes da delegación aseguraron a este diario que estudaban as posibilidades dun desaloxo que non implicara o uso da forza. Ao longo da xornada de onte, os membros da asemblea difundiron mensaxes nas redes sociais alertando dun posible desaloxo que non se produciu ata o momento.

Os traballadores non puideron acceder

A este escenario chegouse logo de que os traballadores da universidade e os membros do equipo de goberno que acudiron pola mañá aos seus postos de traballo tiveran que abandonar o mesmo. Ademais, a presenza do grupo de estudantes obrigou os servizos de seguridade informática da universidade a tapar os servidores para que non poidan acceder a ningún tipo de información almacenada neles, segundo puido saber este diario.

López sinala que “estivemos falando cos portavoces da necesidade de poder entrar para poder funcionar”, pero para iso os estudantes pedían “aceptar os 17 puntos da súa proposta, cousa que sería ir en contra claramente da decisión que tomou o día antes o Consello de Goberno”. Esta postura consistiu na aprobación dun manifesto en relación á situación no territorio palestino, ademais de crear unha comisión para o desenvolvemento das accións contempladas na súa postura institucional.

Posibilidades de diálogo

Pola súa parte, os estudantes sinalan que o peche produciuse precisamente a raíz da negativa de aprobar esas proclamas na reunión do órgano de dirección e explican que o principal é que a USC “poña fin á financiación e a complicidade con institucións e empresas que están relacionadas directamente co xenocidio que está habendo en Palestina. Por exemplo, agora o Banco Santander, así como proxectos de investigación ou colaboracións do tipo máis académico”. Ademais da entidade bancaria, nun comunicado difundido posteriormente mencionaron outras empresas como HP, Siemens ou Amazon.

As portavoces deste grupo incidiron en que se dirixiron a López “a cara destapada”, xa que ata agora ocultaron a súa identidade “por seguridade”. Non obstante, indicaron que o reitor “non tivo en ningún momento actitude negociadora”, mentres que a asemblea asegura que “estamos dispostas a chegar a acordos, matizar certos puntos de vista e falar”.

A última hora da tarde do martes, anunciaron que se barallou a opción celebrar este mércores unha reunión, pero que o reitorado tería posto como condición “o abandono das dúas ocupacións activas na USC”, a de San Xerome e a de Historia, así como “a asunción do marco establecido” no último Consello de Goberno. A asemblea ve “inaceptable” asumir estas condicións, coas que entenden que “o reitor pide que morramos para negociar con el”.

López, en cambio, entende que “é difícil defender unha actitude de diálogo cando, salvo dous portavoces, detrás están persoas encapuchadas”. Ademais, o reitor afonda en que “se o diálogo pasa por dicir ‘estas son as nosas propostas: ou se aceptan, ou non nos imos’, non sei onde está o diálogo”. Neste contexto, considera que “solo pasa por aceptar unha chantaxe”. “Nós non podemos facer iso en contra do pronunciamento claro que fixo o Consello de Goberno”, insiste.

Posición “inequívoca”

Antonio López tamén defendeu a posición da USC en relación á ofensiva de Israel en Gaza, apuntando que é “inequívoca e clara” e que foi “manifestada dun xeito que eu diría que non hai ningunha outra administración que se manifestase tan contundentemente”. Por iso, defende que “non vemos aí onde hai tibieza, nin tampouco vemos que sexa forma de dialogar o presentar un trágala”. Para López, esa “é unha forma de entender o diálogo moi pouco respectuosa cos órganos que representan a democracia e o goberno ordinario da universidade”.

O reitor lembrou tamén que o martes produciuse a primeira reunión da comisión creada para traballar en accións concretas “para apoiar o estudantado, persoal investigador, docente que estea afectado por este conflito e poder axudarlle a abrir vías de comunicación e de colaboración con universidades palestinas, especialmente en Gaza. Incluso poñer en marcha iniciativas para conseguir recursos para tratar de facer fronte a todos estes proxectos”.

Suscríbete para seguir leyendo