‘Sabor a novo’, feira de artesanía e comercio de proximidade no pazo de San Lourenzo

O 16 de xuño de 12 a 21 horas

Reúne 50 postos entre artesáns e marcas

Música ao vivo da man de Peter Sélek e Zeltia IreVire

Mónica Mejías, Elena Fabeiro, María Rozas e Charo Barca durante a presentación de ‘Sabo a novo’

Mónica Mejías, Elena Fabeiro, María Rozas e Charo Barca durante a presentación de ‘Sabo a novo’ / CONCELLO

O pazo de San Lourenzo de Santiago acolle este domingo 16 de xuño (de 12 a 21 horas) a feira de artesanía Sabor a novo, unha xornada que ten por obxectivo “dar a coñecer as marcas galegas, achegarse a novos públicos que sabemos que mercan online para que poidan achegarse ao comercio local”, explicaba a concelleira de Promoción económica, María Rozas. A edil tamén engadía que se trata de “dinamizar o comercio na época estival, máis complicada para o comercio de proximidade”.

María Rozas estivo acompañada na presentación do evento pola súa organizadora, Mónica Mejías de Corre ve y dile; Charo Barca, xerente do pazo de San Lourenzo; e Elena Fabeiro en representación da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Esta última indicou que en Sabor a novo van participar 27 artesáns rexistrados na fundación e apuntou que se trata de darlles visibilidade e “dignificar o oficio e a súa comercialización”. Fabeiro tamén aproveitou a ocasión para desexar que esta iniciativa “se celebre todos os anos e chegue a ser referente”, proposta que recolleu amigablemente a edil María Rozas.

A estes 27 artesáns, uniranse arredor dunha vintena doutras marcas –sumando en total medio cento de postos–, polo que na xornada se poderá coñecer e mercar diversos artigos de moda, xoiaría ou alimentación, entre outros. Mejías animou a asistencia a este evento a toda a cidadanía de Santiago tamén como “unha oportunidade para revisitar a historia do Pazo, “no que tivo, por exemplo, retiros literarios Rosalía de Castro”, apuntou. 

Alén destas curiosidades e de descubrir as artesanías e produtos de cada un dos postos, durante a xornada haberá nos xardíns do pazo de San Lourenzo picadiscos –Peter Sélek– e a música en directo de Zeltia IreVire. Segundo indicaba a xerente do edificio as persoas que acudan a esta xornada, de entrada gratuíta, poderán gozar cunha proposta gastronómica ad hoc, “para que poidan facer un xantar de tapeo ou tomar o vermú”, recalcaba Charo Barca.

Obradoiros e conciliación

De 12.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas todo aquel visitante de máis de 3 anos poderá participar nos dous obradoiros de estampación que se integran en Saber a novo e nos que se traballarán as técnicas de cianotipia –copiado de negativos en telas– e gyotaku –impresión natural xaponesa–.

Ademais, en aras de promover a conciliación familiar, Mónica Mejías indicou na rolda de prensa que se disporá de servizo de gardaría e ludoteca no pazo de San Lourenzo. E para que non teña que quedar fóra ninguén da familia, Charo Barca indicou que “os cans tamén son benvidos aos xardíns”.